• Redacción- MONFORTE. A mediados de abril, tivo lugar a recepción das obras de mellora dos accesos á finca de Tor, proxecto no que a Deputación de Lugo investiu case 480.000 euros. Para o acto, achegáronse a esta parroquia monfortina o presidente do organismo provincial, José Tomé, acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e do deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, ademais de varios membros do equipo de Goberno municipal.
«GRAN AVANCE» NA COMUNICACIÓN ENTRE O CENTRO URBANO E O COMPLEXO DE TOR
A sinatura da acta de recepción celebrouse no acceso á finca, con representantes da empresa Acoval, adxudicataria dos traballos. O presidente da Deputación destacou que este proxecto «é moi importante, non só polo volume de investimento, senón porque é un gran avance na comunicación vial entre o centro da cidade de Monforte e este complexo».
TOR, UN REFERENTE PARA A PRODUCIÓN ECOLÓXICA E A FORMACIÓN UNIVERSITARIA
Así mesmo, José Tomé precisou que a execución destas obras responde ao seu «compromiso de impulsar e poñer en valor a finca de Tor» co obxectivo de «convertela nun referente para o sector primario, con actividades vinculadas coa produción ecolóxica e a formación universitaria».
DETALLE DOS TRABALLOS
Os responsables provinciais explicaron o detalle dos traballos, que incluíron o ensanche da LU-P-3207 dende o quilómetro cero ata o 3,3, procedendo a construír en liña recta a través dos prados dende o punto no que remataran as melloras realizadas hai máis de 12 anos pola Deputación. Naquela data, renovárase o firme con ensanche do vial no primeiro treito, na unión desta estrada provincial coa LU-617, de titularidade autonómica. O novo treito conecta así coa pista xa existente que dá acceso ao Pazo de Tor, cunha lonxitude de 600 metros. O proxecto tamén integrou accións dentro da propia finca, coa construción dun novo vial ata o Aulario, novos accesos, e unha rotonda para cambiar de sentido, ademais de estacionamentos de coches e autobuses.•