O Concello completa o Proxecto da Zona C coa mellora da rúa Rof Codina

• A licitación do proxecto sae cun coste de 163.398,41 euros, o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 21 de maio e terá un período aproximado de execución de 3 meses

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada. Foto GPCM.

O concello de Monforte segue a traballar no desenvolvemento urbanístico da chamada Zona C, cunha intervención sobre máis de 21.000 metros cadrados situados na marxe dereita do Cabe, coa que cse ambiará substancialmente a fisionomía da cidade. E nesta liña o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, veñen de dar a coñecer o proxecto de mellora da actual rúa Rof Codina, que contribuirá a complementar ás actuacións incluídas no proxecto de urbanización da Zona C.

PROXECTO DA ZONA C
“Para completar o proxecto da Zona C, consideramos que é necesario, actuar tamén na rúa Rof Codina, dende a Avenida de Galicia ata a nova zona urbanizada, onde os traballos están xa moi avanzados no que se refire ós desescombros, regularización do conxunto do terreo, e tamén xa se poden apreciar os novos viais e beirarrúas”, sinalou o Alcalde. “Trátase dunha obra necesaria dentro do proxecto da Zona C que, como saben, consiste na urbanización da zona do centro da cidade que se ubica entre a rúa Rof Codina e o Barrio de Cobas, e entre a Rúa Ourense e o Río Cabe, moi próxima ó conxunto monumental dos Escolapios”.

A RÚA ROF CODINA TERÁ SAIDA Ó TRÁFICO
Os novos traballos permitirán que a Rúa Rof Codina, que ata o de agora era unha rúa sen saída, deixe de ter esta limitación unha vez rematen as obras de mellora anunciadas polo Alcalde, quen sinalou que “o proxecto de urbanización da Zona C conleva a apertura dunha vía pública que dea saída á rúa Rof Codina, resolvéndose así o problema desta rúa sen saída”.
Na actualidade, esta rúa consta dunha calzada central e dúas beirarrúas peonís en ambos lados. A súa lonxitude é de 87 metros, e conta cun ancho medio de 9,15 metros.
As súas beirarrúas peonís son moi estreitas, entre 1 e 1,15 metros, e a calzada consta dun carril central de dobre sentido, o que dificulta moitas veces a entrada e saída de vehículos, e aparcamentos a ambos lados. As beirarrúas son de baldosas con bordillo de formigón, e a calzada é de aglomerado asfáltico.
En canto ós servizos desta rúa Rof Codina, as redes de abastecemento e saneamento están renovadas pola súa marxe esquerda, pero están defectuosas na súa marxe dereita.
As instalacións de alumeado público, alta tensión e telecomunicacións son aéreas, polo que a través deste proxecto procederase ó seu soterramento, igual que na nova zona urbanizada. Deste xeito, haberá unha circulación fluída, evitando entronques dificultosos e simplificando o tráfico o máis posible, dando unha solución semellante á travesía Veiguiña ou á rúa Germán Vázquez, o cal redunda na seguridade dos peóns.

LICITACIÓN E PRAZOS DE EXECUCIÓN
Este proxecto ten un custe de licitación de 163.398,41 euros (IVE engadido), e publicouse na Plataforma de Contratos do Sector Público, o pasado luns día 25 de abril, polo que o prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais e estará aberto ata o sábado 21 de maio.
A mesa de contratación celebrarase o luns 23 de maio, e unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, esta obra contará cun período aproximado de execución de 3 meses, en consonancia co remate das obras da Zona C.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Adegas O Castro, un caso de emprendemento no rural galego

Seguinte Nova

Comezou o XXIX Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss