18 millóns de euros para aumentar as plantacións, a silvicultura e a xestión das coníferas e frondosas

• Co Plan Forestal 2021-2040 se potenciará a repoboación con masas de coníferas en ata 20.000 hectáreas en 20 anos, así como as actuacións silvícolas nunhas 50.000 ha deste tipo de especies no mesmo período

O conselleiro do Medio Rural clausurou o II Encontro intersectorial do piñeiro de Galicia, organizado pola Fundación Arume. (Foto GCXG)

A Xunta ten aprobado ou en proceso de aprobación máis de 18 millóns de euros en axudas para aumentar en 2022 e 2023 as plantacións e as accións silvícolas en masas de coníferas e de frondosas caducifolias, para primas de mantemento das superficies forestais e para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura do II Encontro intersectorial do piñeiro de Galicia organizado pola Fundación Arume. Referiuse tamén á recente convocatoria para impulsar a madeira como elemento estrutural na construción, aínda aberta e cun orzamento dispoñible de 2,6 millóns de euros para avanzar na loita contra o cambio climático, para potenciar o recurso endóxeno con marca de garantía de calidade “Pino de Galicia” e para fomentar políticas de eficiencia enerxética. De cara ao próximo ano 2023, José González sinalou que se habilitarán novas liñas de achegas cun importe de 11 millóns de euros para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais. A ese montante, hai que engadir outros 23 millóns repartidos entre 2023 e 2024 para novas plantacións, accións silvícolas de prevención, primas de mantemento e restauración de soutos, entre outras. No marco do Plan Forestal 2021-2040, o conselleiro afirmou que se potenciará a repoboación con masas de coníferas en ata 20.000 hectáreas en 20 anos, así como as actuacións silvícolas nunhas 50.000 ha deste tipo de especies no mesmo período. Sobre o Inventario Forestal de Galicia tamén recollido no Plan para coñecer a dispoñibilidade real e potencial do recurso de cara a facer uso del e continuar producindo, aseverou que vén de estrear nova web, incorporando un visor cartográfico e un centro de descargas con toda a información dispoñible. Engadiu que no primeiro trimestre do ano vindeiro se prevé ofrecer un mapa de usos e especies para toda Galicia en alta resolución, cunha precisión menor a 1,5 metros. José González tamén aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, cuxos polígonos agroforestais ou aldeas modelo están apostando polos diversos usos forestais e aos que haberá que sumar tamén as potencialidades das agrupacións de xestión conxunta. Así mesmo, lembrou o fito que suporá a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais, para apostar pola planificación por medio da recuperación e da prevención. Por último, puxo de relevo tamén os datos do sector forestal de Galicia, líder a nivel nacional, que aglutina máis da metade das cortas de madeira do Estado e que supón o 12% do emprego industrial de toda Galicia, o que significa que ata 80.000 familias viven directa ou indirectamente dos nosos montes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O PP de Monforte denuncia o estado da rede de sumidoiros e o risco de inundacións con choiva intensa

Seguinte Nova

Cine Infantil Gratuito en Sarria

Últimas noticias sobre AXUDAS

A %d blogueros les gusta esto: