O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa – PACC vén de facer pública a lista dos que considera máis destacados achados arqueolóxicos de Galicia durante o ano 2022. Entre eles, no posto tercerio situaron o descubrimento dun colar único no castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón, Lugo. Son un total de 23 doas elaboradas principalmente con pasta de vidro e óso. Dátase entre os séculos II e I a.C. e, posibelmente, é un colar ou pulseira de fabricación local.
E no primeiro posto, consideran que é o proyecto da Muradella, entre os concellos de A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos, un monumento único en Galicia de case 5.000 anos de antigüidade.
Trátase dunha estrutura megalítica coñecida como “cairn”, un tipo de monumento funerario común nas Illas Británicas e na Europa Atlántica, pero ata o de agora practicamente descoñecido no rexistro arqueolóxico galego e do resto da Península.
Unha recente mostra tomada dun nivel de incendio inmediatamente anterior á construción deste colosal túmulo circular, que ten ata 16 metros de diámetro e conta cunha cámara central onde se situarían os restos humanos, lanzou unha data de comezos do terceiro milenio a.C. (entre o 2900 e o 2700 a.C.).
Un importante e merecido recoñecemento que se fai ao traballo arqueolóxico que se está a levar en Brollón, e no que a iniciativa e participación veciñal é moi destacada.
Dentro dos proxectos destacados, tócanos de cerca o descubrimento no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Parada de Sil, Ourense, a que pode ser a maior colección de calzado medieval de Galicia. Sorprende o bo estado de conservación dos diferentes modelos de zapatos de coiro que, hai uns cincocentos anos, calzaban os monxes deste fermoso lugar. Tamén destacan o excepcional xacemento galaicorromano en Arzúa, A Coruña. Habitado entre finais do século I e principios do século II d.C., o asentamento está integrado por unha zona de hábitat doméstico e unha área “industrial complexa”. Trátase dun achado clave para estudar o momento no que se abandonan os castros e o xurdimento doutros asentamentos.•
Últimas noticias sobre CULTURA
O pasado 15 de novembro, o Ecohotel Nós en Silleda acolleu a gravación dun episodio do
O XXIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño foi concedido ao poemario Amor Palimpsesta, da autora
O dúo Amaral anunciou o adiamento do lanzamento do seu novo álbum «Dolce Vita», inicialmente previsto
O Partido Popular de Sarria advertiu sobre a «deriva económica» do Concello, cun resultado orzamentario negativo
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a rematar os traballos de sondaxe e acondicionamento