Mentras Raquel Arias e Katy Varela fan un balance positivo dos Orzamentos, os socialistas os consideran un desprezo do PP á provincia e o BNG os califica de insuficientes e faltos de compromiso

s deputadas autonómicas do PP, Raquel Arias e Katy Varela, expresaron a súa satisfacción co proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 na comarca. Destacan que os orzamentos contemplan un investimento significativo para o persoal do Hospital Comarcal de Monforte, incluíndo subidas salariais acordadas e fondos adicionais para a renovación de instalacións. Consideran que isto reflicte o compromiso continuado da Xunta co centro sanitario. As deputadas tamén destacan a importante inversión en materia de Política Social, que abrangue servizos como axuda no fogar, bonos de dependencia e programas como Xantar na Casa, Coidados Porta a Porta e a gratuidade das escolas infantís. Lamentan, no entanto, que o alcalde de Monforte non implemente a unidade de atención temperá ou máis prazas de gardería infantil aproveitando a colaboración da Xunta, como fan outros municipios da zona sur da provincia.
Según as deputadas populares, o proxecto de lei de Orzamentos tamén inclúe importantes investimentos para as comarcas de Quiroga e Lemos. Entre as iniciativas destacadas, está a mellora da estrada que une Quiroga con Seoane do Courel, con fondos asignados para a construción dun novo tramo e a mellora doutro tramo importante. A Xunta tamén contempla sendas peonís e ciclistas para mellorar a seguridade dos peóns e ciclistas, incluíndo unha senda en Pantón. Katy Varela destaca a inversión de máis de 1 millón de euros para a reforma da planta de transferencia de Sogama en Monforte. Tamén subliñan o apoio da Xunta ao Polo de Emprendemento na estación de autobuses, que recibirá unha inversión de 120.000 euros para impulsar o desenvolvemento económico e oportunidades de emprego na cidade e na comarca.

INSUFICIENTES PARA O BNG
Carme Aira, deputada nacionalista por Lugo, lamentou o proxecto de Orzamentos 2024 da Xunta. Estes orzamentos confirman o abandono continuado do PP a Lugo. Aira criticou a falta de medidas novas para a sanidade pública, o impulso económico e a ausencia de financiamento para a Tinería. A deputada destacou proxectos prometidos anteriormente que aínda non se concretaron, como o Porto Seco de Monforte e o desdobramento do corredor entre Nadela e Sarria. Aira sinalou que o PP non está a cumprir as súas promesas con Lugo e citou a lenta reconstrución da estrada LU-651. Aira tamén subliñou a falta de atención a cuestións cruciais, como transporte público, transporte escolar e a loita contra o despoboamento. O BNG planea presentar emendas para satisfacer as necesidades de Lugo e reforzar o compromiso coa rexión. Carme Aira declarou que «o BNG está comprometido en construír un futuro máis próspero para Lugo».

CRÍTICAS DOS SOCIALISTAS
José Tomé Roca, Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, expresou unha firme crítica aos Orzamentos 2024 da Xunta. Acompañado polo voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, e a Deputada autonómica Patricia Otero, compareceu na sede provincial para analizar en detalle a situación actual. Tomé destacou que Lugo está sufrindo un abandono continuado por parte do Partido Popular (PP). O secretario xeral manifestou a súa desaprobación pola falta de medidas novas destinadas a reforzar servizos esenciais, como a sanidade pública e o estímulo económico na rexión. A Ronda Leste foi presentada como exemplo da falta de compromiso da Xunta coa provincia. Sinalou as graves irregularidades no proxecto, así como as súas repercusións medioambientais.
No ámbito das infraestruturas, Tomé destacou que o acceso ao Porto Seco de Monforte, seguen sen avanzar. Tamén criticou a redución da partida destinada ao corredor Lugo-Sarria-Monforte e a estrada do Courel. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia lamentou a falta de apoio ao sector primario e a ausencia dun plan industrial para a provincia. Estas carencias teñen repercusións directas no emprego e no tecido empresarial en Galicia. En canto aos servizos públicos, Tomé subliñou que a Xunta non está a abordar de forma eficaz os problemas actuais no servizo de saúde. A falta de médicos, os retrasos na atención primaria e a carencia de pediatras son cuestións críticas que requiren atención urxente. O mesmo ocorre cos servizos de atención ás persoas maiores. Mentres que a Deputación de Lugo abriu seis residencias públicas nos últimos catro anos, a Xunta non construíu unha soa residencia pública nos últimos 15 anos, nin ten previsto facelo. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia expresou a súa confianza nun cambio liderado por José Ramón Gómez Besteiro. Considera que é o momento de centrarse nas necesidades da xente e avanzar cara a unha política útil que mellore a vida das persoas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Cine en Brollón

Seguinte Nova

O CB Chantada endereza o rumbo

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: