Na Casa da Cultura do Concello de Sober, unha vez máis as mulleres uníronse nunha xornada de reflexión e acción dentro do proxecto “Redes Lilas”, impulsado polo Concello e guiado polas traballadoras sociais Ana de la Torre e Patricia González. Esta terceira actividade reuniu a mulleres, tanto novas como veteranas no proxecto, nunha profunda reflexión sobre a violencia de xénero.
A PROBLEMÁTICA DA VIOLENCIA MACHISTA
A sesión comezou cunha análise colectiva da problemática da violencia machista, onde se destacaron os múltiples niveis de violencia que as mulleres sofren no día a día, moitas veces invisibilizados ou normalizados. A educadora social Selene Aria introduciu a problemática da violencia de xénero e subliñou o perigo dos roles de poder e dominancia dentro das relacións, sinalando que a morte é só a punta do iceberg nunha espiral de violencia que comeza con actitudes e actos cotiáns. “Antes de chegar á demostración da violencia neste grao, a través dun asasinato, existen moitos outros niveis polos que pasamos sen ser conscientes ou téndoos normalizados”, apuntou facendo alusión ás actitudes que poden ser alarma dentro dunha relación ou vínculo entre un home e unha muller.
O TRATAMENTO INFORMATIVO DAS AGRESIÓNS A MULLERES
Patricia Vidal aportou material documental sobre agresións a mulleres por parte das súas parellas e exparellas, en concreto novas e outras pezas xornalísticas e os comentarios dos usuarios de diferentes redes sociais ao respecto, recollido na semana anterior ao encontro, subliñando o crítico xuízo social e o descrédito ao que as vítimas se enfrontan cando as súas historias se fan públicas. Este enfoque buscou concienciar sobre a necesidade de apoiar e crer ás mulleres violentadas.
As participantes compartiron as súas propias experiencias, dende microviolencias normalizadas ata casos de maltrato físico e psicolóxico. A normalización da desvalorización da muller en contextos familiares e sociais foi un tema especialmente destacado, xerando debate sobre as posibles respostas ante estas situacións.
O encontro culminou coa elaboración de 55 lápidas en honra ás mulleres asasinadas por violencia de xénero no último ano. As participantes distribuíron as lápidas no parque municipal, acompañadas de mensaxes claras: “O machismo mata, o feminismo salva” e “Sober non esquece”.
A programación de “Redes Lilas” continúa o martes 23 de abril cun taller de deseño de tote bags. As mulleres interesadas poden inscribirse ata o mércores 17 de abril para participar nesta nova actividade que busca dar voz ás súas loitas persoais.•