Denuncian a anulación da maioría das subvencións das Unidades de Promoción e Desenvolvemento da provincia por parte da Xunta

A Xunta de Galicia eliminará en 2011 a subvención para o mantemento da Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) que puxeron en marcha o INLUDES e a Consellería de Traballo en 2008 no marco dun programa comunitario impulsado polo departamento autonómico. O voceiro provincial Socialista, Antonio Gato Soengas, anunciaba esta nova nos pasados días. Segundo o deputado provincial as UPD permitíronlle ao organismo provincial aforrar 750.000 euros na redacción de proxectos de obra, evitando ter que contratar este servizo a unha empresa externa e incrementando así a cooperación cos concellos. Gato Soengas denunciaba así que a provincia de Lugo é a única na que tan só se tería renovada unha destas Unidades de Promoción e Desenvolvemento. Entre as obras promovidas pola Deputación nas que colaborarou a UPD nos últimos dous anos, están 183 proxectos, dos que 105 foron do canon nos 16 municipios afectados, 14 do Plan Extraordinario de Obra Pública, 7 do convenio entre Deputación e Xunta para dotar de infraestruturas urbanas e mellorar os equipamentos existentes en Viveiro, e 2 do Plan de Obras e Servizos (POS).Tendo en conta que o programa no que se enmarca o funcionamento da UPD vinculada ao Inludes, remata con este ano, o Instituto solicitara en xuño a súa renovación alegando que se trata dun instrumento adicado en boa medida a traballar para os concellos da provincia, sen atopar resposta na súa demanda. Dende o ano 2008, a Xunta aportou 356.000 euros para este servizo e o INLUDES, 186.891.

A UPD

Formada por un equipo multidisciplinar, conta cun diplomado en Relacións Laborais, un Enxeñeiro Técnico en Obras Públicas, un Enxeñeiro Técnico en Telecomunicacións, un Arquitecto Técnico e un administrativo. Este equipo tivo como función principal colaborar cos Concellos da provincia na elaboración e asesoramento de proxectos vencellados co desenvolvemento económico da provincia. Dende esta Unidade ó longo destes dous anos prestouse asesoramento nas principais liñas estratéxicas do actual equipo de goberno, segundo salientan dende o goberno provincial. Estas liñas pasarían,ademais de pola cooperación cos Concellos,  polo medio ambiente e as novas tecnoloxías.

 Como exemplo, ademais dos proxectos de obra pública e dos realizados a nivel medioambiental como a construcción de parques biosaudables en distintos municipios, os profesionais da UPD tamén realizaron un amplo estudo da TDT, que permitiu coñecer a situación da provincia nesta área.

Ante este recorte autonómico anunciado polo equipo provincial, sinalaron que “se está a estudar como manter a UPD” e en palabras de Gato “vémonos na obriga de buscar unha solución ante a incompetencia do goberno Feijóo”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte e Sarria beneficiaranse do fondo extraordinario de obra pública provincial con cadanseu millón de euros

Seguinte Nova

O CONCELLO DE SARRIA É RECOÑECIDO COMO MUNICIPIO TURÍSTICO

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: