Semanas despois da entrada en funcionamento dos pisos tutelados impulsados polo Concello do Saviñao e xestionados por unha empresa privada, o PSOE do Saviñao anunciaba o que esta semana confirmaba a Deputación de Lugo: O Saviñao será un dos dez municipios da provincia que contará cunha residencia con centro de día promovida por Suplusa.
O Saviñao foi, ao igual que os restantes municipios, e segundo declaran dende a Deputación, seleccionado a raíz dun informe técnico que detectaba a necesidade desta infraestrutura como símbolo da posta en valor de áreas que sufren un especial despoboamento e co obxectivo paralelo de creación de emprego. Por outra parte, as residencias instalaranse en zonas onde non existan xa outros proxectos doutras institucións.
Estas infraestruturas absorverán un total de 12 millóns de euros de investimento por parte da Deputación, mentres que os municipios deberán aportar os terreos e os servizos urbanísticos, así coma o 14% do custe de cada centro- o total ascence a 1,4 millóns-. O centro do Saviñao terá capacidade para 26 persoas en réxime de residencia, segundo as informacións do grupo municipal socialista, e outras 25 para o centro de día.
Nos vindeiros días a Deputación tén previsto enviar aos Alcaldes o acordado polo Consello co fin de que decidan se queren adherirse á esta iniciativa para logo, no mes de xaneiro, asinar os convenios que permitan a cesión dos terreos, adxudicar as obras e comezar a construír en 2011. Pola súa parte, dende o PSOE do Saviñao, instan ao goberno local a que convoque unha reunión con tódolos grupos municipais para tratar o asunto e ofertarlle á Deputación toda a colaboración unha vez que se formalice o anuncio.