O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, visitou hai uns días as instalacións do viveiro forestal Os Trollos, en Bóveda. Tal e como indicou o alcalde do municipio, José Manuel Arias, esta foi a primeira vez que o conselleiro visitou dito espazo forestal, polo que se amosou agradecido ante a súa visita.
Dentro do viveiro, os empregados explicáronlle a Samuel Juárez todo tipo de detalles e proxectos que están a levar a cabo. Pola súa parte, Juárez percorreu a finca e visitou tamén a aula forestal, ademais dun pequeno invernadoiro para as actividades dos colexios.
Segundo explicou José Manuel Arias, o conselleiro de Medio Rural interesouse especialmente por unha variedade de pinos, en concreto unha serie de inxertos realizados no ano 2003.
De todos os xeitos, o que sí deixou claro Arias foi a grata impresión de todo o viveiro en xeral coa que marchou o titular da Xunta. Aproveitando a súa visita, dende o Concello pediuse o impulso e o apoio a este tipo de viveiros, e fíxose tamén unha proposta. Esta consiste no aproveitamento dunha superficie dos terreos para viveiro escola, tanto para os colexios da zona como a nivel provincial. A idea sería que os centros educativos interesados participaran na plantación de diversas especies, e que unha vez estas acadaran a madurez suficiente puideran ser replantadas nos distintos concellos dos escolares, en espazos verdes e tamén Redes Natura. Unha proposta que ao parecer Samuel Juárez valorou como positiva e interesante.
Os Trollos, que se compón dunha superficie de 30 hectáreas, foi cedido hai preto de cen anos polos veciños de Rivas Pequenas á Administración Forestal. Na actualidade conta cunha aula forestal composta de sala de exposición, oficinas, almacén, laboratorio e vestiarios para os traballadores (conta con tres empregados), mentras que entre as súas plantacións podemos atopar máis de 100 especies distintas.
Conta tamén cunha pequena representación da vexetación de ribeira que medra preto dun regato e dúas rutas de sendeirismo. A maiores, tamén é centro de cursos e campo de traballo, así como de prácticas universitarias da Escola Politécnica Superior de Lugo e das Escolas de Formación Forestal de Becerreá e Monforte, entre outras. En canto a visitas, no que vai de ano contabilízanse unhas 540 persoas, a meirande parte en grupos de escolares. É preciso ter en conta que o viveiro de Os Trollos supón para o municipio de Bóveda un gran beneficio. Tal e como indicou o seu alcalde, supón lucrarse da gran variedade de árbores que produce, ao mesmo tempo que se incremente o turismo grazas ás numerosas visitas recibidas.