Posturas contrapostas nun proxecto que conta cun investimento duns 1.000 millóns de euros

Desde a Xunta de Galicia, os populares galegos apoian o investimento, mentres nacionalistas e socialistas móstranse contrarios ao proxecto

Imaxe da fábrica de Caima, do grupo Altri en Portugal. Foto Caima.

No centro dun acalorado debate político atopamos o proxecto de Altri en Galicia, específicamente en Palas de Rei, unha iniciativa que está a xerar opinións divididas e altas expectativas na comarca. Mentres a Xunta e o Partido Popular (PP) apoian firmemente o proxecto, o Partido Socialista de Galicia (PSdeG) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresaron as súas preocupacións sobre o seu impacto medioambiental e socioeconómico.
De feito, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, insiste en pedir certezas ao Goberno central para o proxecto que Altri pretende desenvolver en Palas de Rei. Lorenzana lamentou «a discriminación á que a Comunidade está sendo sometida por parte do Executivo central co silencio, pasividade e complicidade de PSdeG e BNG».
Fronte a esta actitude, avanzou que a Xunta segue adiante coa tramitación desta iniciativa declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) polo Goberno autonómico. Lorenzana asegurou que a boa disposición e boas palabras amosadas polo Goberno do Estado non son suficientes e que se precisan feitos e certezas. Por unha banda, é preciso saber cales son as axudas no marco dos fondos de recuperación e resiliencia que pode recibir este proxecto. Neste sentido explicou que dos oito Pertes industriais anunciados, só se resolveu ou adxudicou o 27,49 % do orzamentado e Galicia, a pesar de ser das primeiras Comunidades en presentar unha estratexia, só foi beneficiaria co 4,93 % do total asignado. Mentres, outras comunidades como Cataluña e Valencia recibiron axudas directas. Galicia conta con proxectos industriais destacados que suman máis de 2.000 M€ e que están agardando polo Goberno central.
Doutra banda, Lorenzana manifestou que Altri precisa que o Executivo aclare como se garantirá a interconexión eléctrica necesaria. Nesta situación tamén se atopan outras iniciativas que precisan 1.200 MW adicionais e que, de consolidarse, suporían investimentos por máis de 6.300 M€. Por iso, desde a Xunta xa se demandou que se inclúan modificacións da actual planificación eléctrica coas infraestruturas precisas para garantir a demanda.

POSICIÓN DOS SOCIALISTAS E DO BNG
O BNG denuncia que o que a Xunta comprometeu como unha factoría de fibras téxtiles, segundo a propia empresa Altri, é en realidade unha “macrocelulosa”. A deputada Rosana Pérez describe o proxecto como unha «celulosa mastodóntica», causante dun grande prexuízo ambiental e socioeconómico. Pérez advirte sobre as consecuencias negativas da instalación de Altri en Palas de Rei, sinalando que o proxecto, inicialmente prometido como unha factoría de fibras téxtiles, foi revelado como unha «macrocelulosa» pola propia empresa.
O proxecto contempla a produción de 250.000 toneladas de celulosa e só 60.000 toneladas de fibras téxtiles (lyocell) nunha primeira fase, cantidades que se incrementarían a 400.000 e 200.000 toneladas, respectivamente, coa factoría en pleno rendemento. Ademais, a captación de 16 millóns de metros cúbicos de auga ao ano e a vertedura ao río Ulla do 80% da mesma logo de ser sometida a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial representan unha grave ameaza para a ría de Arousa, que xa padece un alto grao de contaminación e perda de produtividade. A deputada Pérez describe o proxecto como unha «nova estafa» que podería acelerar o declive produtivo da ría, afectando negativamente aos sectores da pesca, do mexillón e do marisqueo. Pola súa banda, a agrupación socialista de Chantada manifesta a súa oposición ao proxecto de Altri. Segundo os socialistas, a presenza de Altri pon en perigo a viabilidade dun sector rural cunha gran cantidade de explotacións agrogandeiras e forestais, ademais de afectar a outro dos motores económicos e patrimonio sociocultural da zona: o Camiño de Santiago. Consideran, que nunha zona rural, un proxecto como o de Altri impide que haxa hectáreas dispoñibles para aumentar a base territorial das granxas, comprometendo o cumprimento dos requisitos para a produción de alimentos e restándolle recursos hídricos ás explotacións. Ademais, afecta ao sector forestal, ás industrias locais e mesmo ao comercio e hostalería. Pero tamén á poboación en xeral, nun contexto de cambio climático que cada vez se fai sentir con máis forza. Engade tamén un consumo enerxético que só se poderá paliar aumentando os parques eólicos.
Segundo o PSOE de Chantada, «a empresa prometera inicialmente 2.500 empregos, pero agora sinalan que só serán 500. Ademais, temos constancia de que se trata dunha planta de celulosa pura e dura, o que supón un grave impacto». Polo tanto, os socialistas de Chantada consideran que os fondos europeos que ían destinados a Altri deben ser redirixidos a proxectos industriais na nosa comarca que sexan máis respectuosos co medio ambiente e xeneren empregos de calidade. Para eles, a solución ao desemprego e á falta de oportunidades non debe ser a costa do noso medio natural.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Exposición en Chantada

Seguinte Nova

Rutas Fluviais: Comeza unha nova temporada

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: