Os principais obxectivos: crear emprego e frear o despoboamento.
Os servizos sociais, a educación e o turismo tamén xogarán un papel importante neste programa
Redacción – Monforte
Xunto á creación de emprego, a loita contra o despoboamento demográfico ou a xeración de novas oportunidades económicas que supón afincar a factoría de Pacadar en Monforte, os compromisos coa zona sur da provincia durante este segundo mandato na Deputación de José Ramón Gómez Besteiro ao fronte, son numerosos. Deste xeito, un dos primeiros será o de despregar a rede de residencias e centros de día para a terceira idade logo de iniciar o proceso de construción das de Ribas do Sil, O Saviñao e Pobra do Brollón. Pero tamén figura o de acadar o 100% da cobertura contraincendios despois da posta en marcha do parque de bombeiros de Chantada, e garantir a integración das instalacións monfortinas no Consorcio, na vindeira reunión do organismo, que xa demandou a institución provincial ao Goberno galego antes das pasadas eleccións. Son catro anos de mandato e múltiples e importantes os compromisos. Así por exemplo, tamén está o de estender a banda ancha en colaboración coa Xunta de Galicia, administración responsable da competencia, tras completar a dotación deste servizo nas Casas Consistoriais e culminar a implantación da e-administración. Mentres tanto, no ámbito da educación, Besteiro comprometeuse a impulsar a Universidade Nacional a Distancia así como o co-financiamento do centro da UNED en Monforte. Sen esquecer a área de turismo, na que un dos obxectivos primordiais será o de lograr a declaración oficial do Camiño de Inverno como ruta xacobea, logo de conseguir que o Executivo autonómico o incluíse na páxina oficial do Xacobeo, de poñelo en valor mediante o primeiro libro que recolle todas as rutas de peregrinación da provincia ou incluílo en Km0 a Compostela. Ao mesmo tempo, elaborarase un plan integral con todas as variantes do Camiño na provincia de Lugo, instando ás Administracións correspondentes a facelo e a poñelas en valor como porta de entrada do 90% dos peregrinos a Galicia. No turismo tamén xoga un papel importante a Ribeira Sacra. Así, figura a intención da declaración oficial da mesma como Patrimonio da Humanidade, rendibilizando e impulsándoa economicamente, baixo criterios de sustentabilidade. Xa no campo das comunicacións, instarase ás Administracións competentes a completar o mapa de estradas coa autovía Lugo-Ourense, ou o desdobramento do corredor Nadela-Monforte.
Fondos europeos
A maiores de todo isto, durante catro anos perseguirase a captación de novos fondos europeos dirixidos a potenciar a estabilidade demográfica e a crear novos postos de traballo e oportunidades económicas mediante o medio ambiente. Nestes senso, compre destacar a concesión de tres proxectos que suman 25 millóns de euros e que foron solicitados polo organismo provincial dentro da convocatoria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo. Trátase do 90% do importe total solicitado. Dos 25 millóns de euros, a Unión Europea aportará o 70% no caso dos dous programas FEDER e o 80% no único do Fondo Social Europeo. É dicir, destinará á Deputación 18 millóns de euros e o organismo provincial aportará 7 millóns máis. A concesión, xunto co seu importe, é un éxito na xestión da Deputación, xa que se hai catro anos se conseguiu o 15% dos fondos que viñan para Galicia, este ano duplicouse esa porcentaxe ata acadar o 30% de todos os fondos na autonomía. Ademais, conseguiuse o apoio de Europa para todos os proxectos presentados: o Pacto polo Emprego II, dotado con 3.571.526 euros e co que se crearán novos postos de traballo; a segunda parte de LugO2, cun orzamento de 6.582.544 euros, e no que se inclúen actuacións como a comercialización dos produtos autóctonos, agricultura e gandeiría ecolóxica, aforro enerxético nos Concellos ou unha nova edición do programa Km0; e por último o Innova-TE 2, dotado con 14.7347.371 euros destinados á administración electrónica.