Redacción- Monforte
Dende o sindicato da UXT Lemos veñen de valorar positivamente a sinatura definitiva do convenio da empresa de limpeza FCC cos traballadores, despois de máis de cinco meses de duras negociacións. Con esta sinatura quedou desconvocada finalmente a folga indefinida que tanto o sindicato como os traballadores anunciaran para o vindeiro 1 de agosto. Pola súa parte, o convenio ao que se chegou recolle, entre outros puntos, unha vixencia de dous anos, unha subida salarial do IPC real, así como o pagamento nos cinco primeiros días de cada mes, xa que en caso de non facelo a empresa deberá pagar un 5% de interese diario. A maiores de todo isto, a empresa tamén se comprometeu a ampliar a plantilla de traballadores con seis empregados máis. Tamén é de destacar que no convenio asinado, os empregados que traballen os festivos dobres cobrarán 80 euros.