O problema do aparcamento no centro da cidade monfortina é un dos temas que máis preocupa a comerciantes e responsables do equipo de goberno. En relación a isto, a concelleira de Tráfico, Maria Xosé Vega Buján, quixo aclarar hai uns días que se estaban a dar informacións falsas. “En primeiro lugar, teño que aclarar que na actualidade o equipo de goberno non ten ningún plan de ORA, nin nada decidido ao respecto. Non nos estamos plantexando este tema. Os únicos que falaron disto foron os comerciantes, en concreto un sector dos comerciantes -o CCU-. E nós, o único que temos que dicir é que apoiraremos un sistema ORA e faremos un estudo serio ao respecto se o comercio de Monforte ten interese en que se implante”. Vega Buján explicou que o problema da densidade de tráfico na cidade débese a que esta é unha cabeceira de comarca que rexistra ao día 23.000 vehículos movéndose continuamente, cando en realidade o número de vehículos do parque local é de aproximadamente 12.000. “É certo que temos densidade de tráfico, e que iso é un problema, pero por outro lado é algo positivo porque iso significa que temos unha cidade viva e en movemento”, engadiu María Xosé.
Por outra parte, a concelleira de Tráfico aclarou que “tamén é unha falsedade que o equipo redactor do Plan Xeral manexe un dato concreto en canto ao déficit de prazas de aparcamento. “Non sabemos de onde saiu ese dato de un déficit de 1.200 prazas de aparcamento, se do PP ou do PSOE; pero dende logo dos técnicos do equipo redactor do Plan Xeral non. Ademais, a creación de prazas de aparcamento e da zona ORA hai que enmarcalo no Plan Xeral e no Plan Especial, porque en ámbolos dous plans se vai a falar e a tratar sobre o desenvolvemento da cidade”, aclarou. Xa por último, a responsable de Tráfico en Monforte quixo matizar que “se ben é certo a implantación do sistema ORA non resolvería o tema de déficit de prazas, o que sí faría sería xestionar máis eficazmente as prazas de aparcamento libres”.
Pola súa parte, dende o Partido Socialista de Monforte responderon a estas declaracións que, “foi nunha reunión informativa celebrada o 15 de setembro no Concello, onde os redactores do Plan Xeral de Urbanismo falaron de xeito informal de que en en Monforte se podería estimar que serían necesarias 1.200 prazas de estacionamento; unha reunión na que María Xosé Vega non estivo ao principio”, sinalaron. En canto á súa postura, os socialistas monfortinos aseguraron que “de plantexarse formalmente no pleno do Concello a implantación do sistema ORA, estudarémolo en profundidade e tomaremos unha decisión pensando no mellor para Monforte, sen ter en conta ningún tipo de presión”, concluíron.