Reivindicación do sillar granítico como peza clave da paisaxe chantadina

Nace a Asociación de Amigos do Románico de Chantada

Por S.Veiga

É mágoa que no noso mundo de cinema e imaxinería non abonden as historias inspiradas nas nosas capelas rurais. Maxia, espiritualidade, emoción e beleza capturan a calquera que, cun mínimo de sangue nas veas, se achegue a algunha das vellas igrexas que salpican a nosa terra. O feitizo que se respira ao achegarse ao adro e traspasar o antigo arco de medio punto prende moi dentro, e ninguén pode marchar de alí sen sentir unha certa melancolía polo que parece desmorecer de pura desidia e incomprensión. Cecais fora esta a sensación que tiveron quenes, aló por agosto de 2011, artellaron unha misa e concerto de música clásica na igrexa de Santa María de Pesqueiras. A idea simulaba ser unha entrada no descoñecido, xa que o templo levaba moitos anos abandonado. Pero a xente acudiu, e non foi pouca. Había que seguir o camiño de redescubrir aos veciños o mérito do que alí tiñan, e así naceu a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada. Segundo explica a súa presidenta, Begoña González, á idea sumáronse de seguido máis membros ata acadar o número de seis, aínda que agardan con alegría e sorpresa máis adhesións, “xa que no acto de presentación da Asociación en Chantada xa se sumaron 10 novos socios, e estamos a recibir solicitudes de persoas interesadas dos tres municipios da comarca”.

AMOSAR AOS VECIÑOS O TESOURO QUE TEÑEN

Este novo colectivo sabe mirar ben as vellas igrexas, ler a paisaxe; o seu obxectivo, sinxelo pero certeiro, céntrase “en incidir na poboación local sobre a importancia do patrimonio que o rodea, xa que só así poderá valoralo como se merece e, polo tanto, defendelo e promovelo.” Non descartan abrir fronteiras e presumir de riqueza románica máis aló da comarca, aínda que teñen os pés ben plantados na (súa) terra: “preferimos ir de menos a máis, e non á inversa”.

“RESCATE” PATRIMONIAL, PARA QUITAR Á XENTE A VENDAXE DOS OLLOS E VALORAR O ENTORNO CULTURAL

Esta laboura, que non dudan en calificar de “rescate”, asúmena como a propia razón de ser deste tipo de colectivos, “porque as asociacións desta índole achegan dunha maneira directa e participativa o patrimonio cultural que rodea á xente”. Traballo que, como apunta Begoña González, resulta “fundamental”, “xa que ás veces semella que os cidadáns teñen unha vendaxe nos ollos que lle impide ver e valorar todo aquelo que o rodea dende un punto de vista cultural ou histórico”.

LISTA A PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES A PARTIR DE MAIO

Para acadar os seus obxectivos, a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada iniciará as súas actividades o próximo mes de maio. Teñen previsto para o día 26 un acto na igrexa do Convento de Chantada, “no que pretendemos que participen os nenos dos colexios da comarca nunha actuación musical”, explica a presidenta da Asociación. A concienciación da extraordinaria importancia que tivo noutro tempo o Convento será explicada por un dos historiadores da Asociación, “e ligada a esta explicación faremos unha reivindicación sobre o tapiado da porta lateral do muro sur da igrexa (o claustro é propiedade privada) que oculta un fermoso tímpano”. Xa no mes de agosto, celebrarase a que será a primeira edición dunha xornada de carácter anual, que terá a igrexa de Pesqueiras como sede dunha breve representación teatral e dun concerto musical, e desde a que arrincará unha serie de visitas guiadas polo monumento e arredores. Entre un e outro evento, os membros da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada queren realizar excursións didácticas pola zona, charlas sobre persoas vinculadas ao románico e impartidas por especialistas, así como traballar na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial, “que tamén nos preocupa”, puntualiza Begoña González, polo que xa están a artellar “os merecidos homenaxes” a persoeiros como Xoán de Requeixo ou Rielo Carballo.

HERDEIROS DUNHA GRAN TRADICIÓN

O entusiasmo desta nova asociación brota, sen dúbida, do amor pola arte, a paisaxe da comarca de Chantada e, dende logo, do coñecemento e o estudio. Begoña González salienta que “o gran número de templos románicos que se concentran na Ribeira Sacra xa captaran a atención de autores como Yzquierdo Perrín, Valiña Sampedro, Rielo Carballo e Vázquez Saco, entre outros”. González explica que son moitas as parroquias de Carballedo, Chantada e Taboada que posúen unha igrexa ou vestixio románico. Gracias a este afán dos Amigos do Románico de Chantada poderemos descubrir as pegadas dos numerosos mestres que participaron na construcción dos nosos templos dende mediados do século XII e principios do XIII, como o mestre de Asma, “de fonda pegada nas nosas terras”, ou os colaboradores do mestre de Portomarín, “que continuaron a traballar os seus deseños río abaixo por Pesqueira, San Fiz e A Coba”. Historia, arte, sensibilidade e amor por estes elementos “que forman parte da nosa paisaxe: carballos, castiñeiros, viñedos, sillares graníticos e as augas do Miño”. Sen dúbida, unha volta ao paraíso perdido.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Escolares do colexio La Asunción de Sarria visitaron Sogama

Seguinte Nova

Samos acollerá a 1ª xuntanza de Artistas e Artesáns da comarca de Sarria

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: