O labor dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega abre horizontes coas novas tecnoloxías
• Premiado o proxecto do CEIP Dr. López Suárez de Escairón sobre o mundo do viño por fomentar o coñecemento do medio na nosa lingua • O alumnado do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada dá a coñecer o seu centro en Youtube a través do proxecto Infoescola
Cultura, actualidade, xogos, matemáticas, televisión, natureza… e tamén amizade, deporte, internet, estética e, por que non, música, en galego. Vivir con naturalidade a nosa lingua dende todas as áreas da realidade constitúe un reto para a escola e para o neno nese achegamento á ventá do mundo. De aí que o traballo en prol dun mundo (o noso) cada vez máis galego sexa a tarefa encomendada ós Equipos de Dinamización da Lingua Galega, que traballan con entrega e gran dose de creatividade nunha imaxe da nosa lingua cada vez máis moderna, atraente e chea de posibilidades.
DA REVISTA EN PAPEL AO BLOG OU WORDPRESS: RECICLARSE PARA VIVIR MELLOR
Bo exemplo deste intenso camiño de vinte anos de dinamización lingüística nos centros de ensino é a diversidade de revistas que se puideron ver nunha exposición conmemorativa do vixésimo aniversario da constitución dos daquela chamados Equipos de Normalización. A evolución dos formatos e a mellora do grafismo que evidenciaban as cabeceiras ía parella ó ritmo dos tempos; os avances nos equipamentos gráficos foron aproveitados ó máximo polos integrantes dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, sempre sensibles á vangarda, co único fin de subir o idioma galego ó tren que máis corre, o do progreso tecnolóxico. Así naceron as primeiras cabeceiras dixitais, colgadas nas webs dos centros de ensino en pdf, para pasar ben pronto ó wordpress.Como había moito que dicir, e había que facelo tan rápido como ían os tempos, axiña chegaron os blogs, auténtica mina de ouro para a creatividade e a comunicación dos máis novos na nosa lingua.
EN GALEGO, MÁIS ALÓ DA ESCOLA E SEN FRONTEIRAS
A ollada inqueda que exploraba as múltiples posibilidades das novas tecnoloxías non podía ser allea á sedución da imaxe. A canle de vídeos en internet Youtube instalouse como plataforma insubstituíble para “colgar” dende un rap en galego (http://biblifonsa.blogspot.com.es/2012/04/video-correlingua-2012.html, feito polo IES Fontem Albei, da Fonsagrada, baseado nunha composición feita polo rapeiro alumno de 2º de bacharelato Óscar Díaz Mon “El Greira”) ata experiencias radiofónicas ou televisivas, nas que a colaboración con outras entidades alleas á escola espalla o eido de actuación lingüística. Este foi o caso do proxecto desenvolvido hai un par de anos polos alumnos do 3º ciclo de primaria do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada por proposta da canle de televisión local Televinte. Como auténticos profesionais da comunicación, os rapaces e rapazas chantadinos deseñaron e realizaron diversos informativos, con gravación en interior e traballo de campo (moi lograda foi a reportaxe sobre as barreiras arquitectónicas no casco urbano de Chantada). Realizaron ademais unha visita guiada polas instalacións do centro educativo, e entrevistaron os responsables das diversas áreas de traballo. Este feito de botarse ó mundo en galego a través das novas tecnoloxías non quita espazo a outras formas de interacción; o caso é aprender o mundo en galego, interactuar con el. Pousavasos para os locais de hostalería (en colaboración coa Asociación deste sector), deseño de bolsas para o fomento (en galego) do comercio chantadino (traballo conxunto co CCAChantada), e a elaboración dun calendario con outros centros de Galicia son o resultado, entre outros, da vocación de levar o galego máis aló da escola, a cada espazo da vida.
SOMOS O QUE FALAMOS: A PAISAXE E A LINGUA
Para acadar este uso total do noso idioma, parecerían suficientes os dicionarios e os resumos de gramática. Descubrimos ben cedo que o tesouro lingüístico do galego agocha aínda eiras por traballar. Os socalcos, as muras, o bullo e moitos máis termos soaron dende ben atrás no día a día desta terra de viños; apreixar esta riqueza cultural, económica e paisaxística parece tarefa urxente, e así botáronse a traballar no CEIP Dr. López Suárez de Escairón (O Saviñao). Dende o Departamento de Inglés viron a posibilidade de facer unha unidade didáctica sobre a elaboración do viño na Ribeira Sacra, e dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega puxéronse mans á obra para levar esta idea a un proxecto máis global que implicou a toda a comunidade do centro, e tamén a adegueiros e viticultores (a través de enquisas e visitas in situ), así como a axentes e entidades culturais. A revista dixital do centro, A Devesa, recollerá a finais de curso todo este material. Un esforzo premiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística entre os 5 proxectos máis innovadores por facer do galego a nosa paisaxe cultural, a nosa riqueza.