A caravana Galicia Calidade visitou as principais cabeceiras do sur de Lugo

Chantada, Monforte e Sarria foron das primeiras vilas galegas en recibir o camión Galicia Calidade, que trouxo demostracións culinarias, información gastronómica e actividades lúdicas co fin de facer visible a calidade dos produtos galegos e apoiar ao pequeno e mediano comercio

O director xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, durante a súa intervención na sede móbil desta campaña en Monforte de Lemos. GCEI.

A finais do mes de agosto, as tres principais vilas do sur de Lugo acolleron a sede móbil da campaña de promoción da marca Galicia Calidade. Co obxectivo de incentivar o consumo de produtos galegos coa marca Galicia Calidade, esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía e Industria, ofreceu á cidadanía das vilas que está a visitar ata o 29 de setembro información de primeira man sobre a marca Galicia Calidade, así como a súa aposta pola innovación e a internacionalización das empresas galegas e os produtos e servizos asociados.

RECETAS, INFORMACIÓN E OCIO

Esta campaña integrou distintas iniciativas como obradoiros de cociña con produtos de Galicia Calidade, que se poideron seguir tanto desde o interior do vehículo, equipado cunha cociña, como a través das pantallas habilitadas no exterior, para despois ofrecer unha degustación dos produtos cociñados entre o público e máis recetarios. Ademais, realizouse un reparto de obsequios, folletos promocionais e sorteos, e instalouse un castelo inchable para os cativos.

“CONFIANZA, PRESTIXIO E CALIDADE” DESTE SELO

Segundo informaron os responsables autonómicos, a marca Galicia Calidade conta xa con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 44 empresas asociadas, que deste xeito “adquiren un importante valor engadido, recoñecido como sinónimo de confianza, prestixio e calidade”. De feito, os programas de auditorías e ensaios de Galicia Calidade garanten que os produtos e servizos amparados superaron os controis esixidos, para o que é preciso que conten coas materias primas de máis alta calidade, óptimas producións e excelentes servizos.

A CALIDADE DOS PRODUTOS, “VANTAXE COMPETITIVA” PARA O PEQUENO E MEDIANO COMERCIO

Durante a visita da sede móbil desta campaña, visitaron esta caravana a directora xeral de Comercio, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila. Nava Castro suliñou que con esta actuación, a Consellería de Economía e Industria continúa a apoiar ao pequeno e mediano comercio e a facer visible a calidade dos produtos galegos como unha vantaxe competitiva, e lembrou que este departamento autonómico adicou nesta lexislatura preto de 500.000 euros para a apoiar ao comercio de Monforte ao abeiro do Plan Ágorae Agora ReComercia.

PROMOCIÓN DA GASTRONOMÍA LUCENSE NA VOLTA A ESPAÑA

Na liña de promoción dos produtos galegos de calidade, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada polo presidente da APEHL, Cheché Real, participou na presentación da campaña promocional dos produtos lucenses na Vuelta Ciclista a España 2012, que se desenvolverá ata o 9 de setembro. “Aproveitando a plataforma internacional que representa a Vuelta Ciclista a España, publicitaranse unha ducia de produtos singulares da gastronomía lucense nunha fiestra aberta ao mundo durante as tres semanas que abrangue a proba”, indicou Arias, que explicou que “segundo os datos que manexa a empresa que organiza a proba, estímase que a competición xerará un impacto económico de arredor de 250.000 euros”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

1,4 millóns de euros para apoiar a inserción laboral de persoas con discapacidade

Seguinte Nova

Ribas de Sil e A Pobra do Brollón acolleron a programación “Falaredes”, que promociona o lecer en galego para os máis cativos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: