• Encabeza a lista do Partido Popular pola provincia de Lugo. Fáganos unha diagnose, aínda que breve, da saúde socioeconómica desta provincia.
Lugo non está illada da situación económica que está a vivir o continente, a crise máis grande dos últimos 80 anos. Aínda así, tras os tres anos e medio de goberno de Feijóo, a provincia de Lugo é hoxe máis competitiva e hai unha maior atención ás necesidades das persoas. Proba disto son as 450 empresas que se beneficiaron do ImpulsaLugo, recibindo axudas para a súa creación, modernización ou internacionalización. Tamén a mellora tecnolóxica a través da extensión da banda larga, que elevou a porcentaxe de cobertura de internet de alta calidade do 35% ao 85% na Ribeira Sacra. Lugo ten hoxe menor ratio de alumnos por mestre e o fracaso escolar está cinco puntos por debaixo do que o deixou o bipartito. Hai 500 prazas máis en residencias e centros de día, e atendemos na provincia a catro veces máis persoas dependentes das que se atendían co bipartito. O paro rexistrado en Galicia está catro puntos por debaixo da media española. Pero sabemos que quedaron moitas cousas por facer. Non podemos estar satisfeitos mentres haxa paro –esa foi e será a nosa maior preocupación e ocupación– ou mentres queden persoas con dependencia sen atender.
Nesta situación que describe, hai que falar dos sectores produtivos nun contexto de crise económica. Dende o sector agrogandeiro están a reclamar á Administración unha resposta á crise que atravesan. Qué lle propón o Partido Popular?
O PP, dende o primeiro momento estivo a apoiar o sector gandeiro, efectivamente, un dos que máis sufre a situación actual. Neste tempo, axudamos a mellorar a súa competitividade e insuflamos liquidez nas explotacións, habilitando 20 millóns de euros extra de axuda directa na crise de prezos de 2009, ou 12 millóns de euros extra sobre o Plan de Desenvolvemento Rural para investir en medidas de aforro enerxético, ou ben establecendo liñas de axuda financeira. Pero non se nos escapa a ninguén que a maioría das decisións no sector agrogandeiro dependen de Madrid e mesmo de Bruxelas. Por iso, dende o primeiro momento, o presidente Feijóo negociou co goberno de Madrid para mellorar as condicións deste sector, e teño que dicir claramente que se conseguiu máis en 9 meses cun Goberno estatal do PP que en case 8 anos de goberno socialista. E por iso temos aprobado o paquete lácteo e proximamente chegará á Cámara a lei da cadea de valor, para saber exactamente onde quedan as ganancias do leite, e que ao produtor se lle pague en función do que lle custa a produción.
Poden os emprendedores confiar en que Lugo é unha terra de oportunidades? Canto pesan os emprendedores na proposta do Partido Popular?
Lugo é unha terra de oportunidades para os emprendedores, tanto no sector primario como na industria. Temos aínda a disposición dos empresarios 558.600 metros cadrados de chan industrial en 16 polígonos da provincia. Nesta lexislatura rematáronse obras en catro polígonos industriais e puxéronse á venda as parcelas dos mesmos. Así mesmo, están practicamente rematadas as obras da primeira fase do Porto Seco de Monforte, máis de 130.000 metros cadrados que superan os 5 millóns de euros de inversión, ao que hai que sumar os accesos á N- 120 e ás estradas LU-533 e LU-546, que supoñen un investimento de 24 de euros. Temos en marcha o ImpulsaLugo, que favorece ás empresas radicadas nesta provincia –e de xeito específico aos emprendedores– con distintas medidas; está en marcha, como lle dicía, un plan de extensión das novas tecnoloxías, e estamos dando un pulo importante ás infraestruturas, como a VAC Sarria-Monforte. A nosa teima para a próxima lexislatura serán os emprendedores: Van ter liñas de axuda concretas para poder manterse dende que establezan a súa empresa ata que esta empece a dar ganancias. No eido educativo, xa iniciamos o camiño adaptando as titulacións da Formación Profesional ás necesidades do mercado laboral; agora propoñemos a formación profesional dual, que permite ao alumnado realizar o 77% das horas lectivas nun centro de traballo con contrato remunerado. En todos os países desenvolvidos o apoio ao emprendemento é unha peza clave, e nós queremos dar o merecido valor aos emprendedores.
Servizos sociais e educación centraron polémicas sociais e políticas no último ano. O Partido Popular terá unha mensaxe que darlles aos nosos maiores en canto á atención sociosanitaria, e aos pais e nais do alumnado dos centros públicos en canto á garantías de calidade e atención educativas.
Nesta lexislatura multiplicamos por 6 o número de persoas con dependencia atendidas na comarca de Lemos e investimos máis de 11 millóns de euros no mantemento e mellora dos servizos sociais básicos, como a creación de 180 novas prazas para persoas da terceira idade na residencia do Morín. E, por certo, o custe desas prazas ao ano, 4 millóns de euros, é equivalente ao aforro que lle supuxo aos galegos a redución da nómina de altos cargos nesta provincia coa posta en marcha da Delegación Territorial por parte desta Xunta.
Prestamos especial atención á mellora dos centros educativos. Na comarca de Lemos destinamos máis de 1,3 millóns de euros a obras en colexios e institutos, destacando, entre outras, a reforma do IES Río Cabe. Pero sobre todo fixemos un gran esforzo pola modernización do ensino, coa dixitalización das aulas a través do programa Abalar e o impulso á aprendizaxe de linguas estranxeiras. Así, temos en Lemos 7 centros que forman parte da rede Abalar, e 11 colexios e institutos da zona dispoñen de seccións bilingües. Igualmente, quero recordar que Galicia ten as taxas universitarias máis baixas de España. Traballamos para que todos os nenos e rapaces galegos teñan acceso a un ensino público de calidade.
Son tempos complicados para todos, con cifras inauditas de paro e un crecente desalento na cidadanía, que reclama dos xestores públicos unha mensaxe clara. Díganos cal é a mensaxe do Partido Popular para os lucenses.
Gobernamos con seriedade e responsabilidade. Hoxe somos a comunidade máis solvente e cumprimos cos obxectivos de déficit. Iso non é unha obra que se ve, pero afecta a todas as políticas que poidas facer. Na época de maior crise e cunha Galicia ao borde da quebra, en menos de catro anos conseguimos: Pagar as débedas, pagar aos provedores, cumprir o déficit, ter máis residencias, máis garderías, máis centros de día, máis dependentes atendidos. Hoxe somos a comunidade máis preparada para iniciar o crecemento, crear postos de traballo e blindar o estado do benestar.