Anova considera que os Orzamentos da Xunta reflicten unha “clara tendencia ao roubo ás clases máis indefensas”

Critican que os recortes “sirvan para pagar a débeda bancaria asumida como débeda pública”

Ildefonso Piñeiro, Emma Rodríguez e Paula Vázquez Verao, representantes de Anova nas comarcas do sur de Lugo, durante unha rolda de prensa. Arquivo EC.

As asambleas de Anova do sur de Lugo deron a coñecer a través dun comunicado a súa valoración dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2013. Según esta formación política, os Orzamentos autonómicos reflicten “unha clara tendencia, non de aforro, senón de roubo ás clases máis indefensas economicamente para ter liquidez coa que pagar a débeda bancaria que foi asumida como débeda pública”. Os representantes de Anova no sur de Lugo lembran que “esta débeda case se duplicou dende que goberna Feijóo”, e criticaron que “esta política orzamentaria restrictiva, de recortes e máis recortes, agudiza o grave proceso de recesión no que estamos inmersos”.

DETALLE DOS RECORTES NOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA

Os representantes de Anova pormenorizaron a dimensión destes recortes nos Orzamentos da Xunta, e que, según indican, “da demouco non se libra nada”. Dende Anova lembraron que a diminución global dos orzamentos acada uns 655 millóns, supoñendo unha redución de preto de 290 millóns para ensino e sanidade, “que son as case a metade do total”. Apuntaron asimesmo que o gasto orzamentario en vivenda cae nun 45%, cultura sufre un recorte dun 24%, e as transferencias aos concellos para atender os servizos sociais redúcenselles nun 66%.

CRÍTICAS Á REDUCIÓN NUN 41% NA PROMOCIÓN DE EMPREGO “MENTRES O PARO SE DISPARA”

Dende Anova denuncian tamén que “mentras se dispara o paro, con case 280.000 persoas desempregadas en Galiza, o orzamento para promoción do emprego, no conxunto dos oito programas nos que se veiculiza, redúcese nun 41%”, tendo en conta que a intermediación laboral recórtase nun 62%, o fomento da ocupación baixa un 68% e os servizos de emprego nun 86%. Asimesmo, a promoción estrita redúcese nun 52% e elimínanse as prazas de orientadores laborais, apuntan dende Anova. Esta formación política lembra que uns orzamentos “deben reflectir como un goberno inviste os seus recursos económicos e, polo visto, o PP está a gobernar para as grandes finanzas ao priorizar o pago da débeda, e contra a maioría social ao recortar os servizos básicos”.

REPERCUSIÓN DOS RECORTES EN CHANTADA, QUIROGA E TERRAS DE LEMOS

Os representantes de Anova no sur de Lugo fixeron unha valoración da repercusión destes Orzamentos nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga. Así, precisaron que o recorte dun 66% en transferencias aos concellos vai repercutir “moi negativamente” na asistencia social que se poida prestar “nunha comarca tan envellecida coma a nosa”. En Lemos, Quiroga e Chantada hai localidades onde, según critica Anova, as inversións reais previstas “nin sequera se poden calificar de esmola”, como no caso dos concellos de Quiroga, Ribas do Sil, Courel ou A Pobra do Brollón, que “reciben só 12.473 euros para a rede proximal de camiños”. Precisan asimesmo que O Saviñao, Bóveda, Pantón ou Sober, “por este mesmo concepto reciben 21.411 euros para repartir entre eles”. Dende Anova suliñaron a importancia da rede de saneamento para os concellos do sur lucense, “algo que nos Orzamentos da Xunta só se satisface no concello de Pantón, cos máis de 470.000 euros para a rede de saneamento en Tuiriz”, e esixen que esta disponibilidade “se extenda aos numeros núcleos que aínda carecen deste servizo básico na nosa comarca”.

“CERO” INFRAESTRUTURAS EN CHANTADA

Anova critica ademais que os Orzamentos non inclúan “ningunha infraestrutura en concreto nen ningunha inversión produtiva”, limitándose aos 22.000 euros para a rede de camiños en Taboada, Carballedo e Chantada, 60.000 euros para reparación de vivendas de promoción pública, e preto de 8.900 euros para “a gran aposta da Xunta en Benestar no programa de teleasistencia para os concellos de Taboada Chantada e Carballedo”. Asimesmo, figura 1 millón de euros para a rehabilitación do casco histórico, que “ogallá se leve a cabo nos tempos que corren, pero non o vemos moi factible”, apuntan dende Anova.

PORTO SECO: PARTIDA INSUFICIENTE E TARDÍA

En canto ao Porto Seco de Monforte, Anova precisa que a Xunta inviste de fondos propios uns 106.000 euros, “cando se sabe que a conexión entre a N-120 e o Porto Seco costa máis de 10 millóns de euros”. Os responsables de Anova temen que, coa previsión de remate para o 2016 e “cun contexto de recesión, poida que non chegue a tempo para servir á dinamización económica da comarca”.

HOSPITAL COMARCAL DE MONFORTE: INVERSIÓN “IRRISORIA”

Dende Anova critican asimesmo os recortes nos servizos sanitarios da comarca. Denuncian a “irrisoria” inversión directa de 17.500 euros no Hospital de Monforte, xa que “tendo en conta, como ven denunciando a Plataforma Sanitaria, que hai un gran gasto en calefacción por falta dun bo illamento térmico, estes cartos soan escasísimos e non garanten a aposta da Xunta polo funcionamento de Monforte como área de xestión única da zona sur de Lugo”. Anova suliña que estes datos fan sospeitar “da redución de servizos en todo o sistema sanitario galego”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Concellos do sur de Lugo e Deputación firman en Monforte o convenio para financiar a teleasistencia domiciliaria

Seguinte Nova

O sur de Lugo prepara o Entroido

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: