A cofinanciación entre concellos e Deputación de Lugo do servizo de teleasistencia domiciliaria pechouse coa firma dos convenios de colaboración correspondentes entre a institución provincial e os representantes municipais excepto Samos, que decidiu non sumarse a esta iniciativa. A través destes convenios de colaboración, concellos e Deputación se comprometen ao desenvolvemento dun programa de Teleasistencia Domiciliaria que suplirá ao servizo que cofinanciaban o Goberno central e a institución provincial e que foi suprimido polo Estado tras a retirada, nos Orzamentos Xerais para 2013, da partida económica que o ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade dedicaba a este fin a través do IMSERSO.
COFINANCIACIÓN AO 50% ENTRE DEPUTACIÓN E CONCELLOS, TRALA RETIRADA DOS FONDOS DO GOBERNO CENTRAL
Este convenio establece as liñas de mantemento, desenvolvemento, organización e funcionamento deste servizo que a Vicepresidencia da Deputación e os concellos se comprometen a cofinanciar ao 50% para garantir a súa continuidade. Según informaron os responsables provinciais, o custe do servizo de Teleasistencia Domiciliaria en toda a provincia suporá un investimento de 336.000 euros anuais, dos que a metade correrá a cargo da Vicepresidencia da Deputación, cunha achega de 168.000 euros, o que supón un 15 por cento máis que o ano pasado. Pola súa parte, a participación dos concellos nesta financiación variará en función do número de usuarios que teña cada municipio. Asimesmo, os convenios de colaboración asinados establecen a creación dunha comisión de seguimento formada por tres representantes da institución provincial e tres das entidades municipais elixidos por todos os concellos, para garantir o cumprimento do acordo e dar solución a todas as dúbidas que poidan xurdir durante a prestación do servizo. A sinatura destes convenios cos Concellos do sur de Lugo tivo lugar o pasado 23 de xaneiro na Casa Consistorial de Monforte de Lemos, e o acto contou coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar, Antonio Veiga; o delegado de Cultura e Turismo no ente provincial, Mario Outeiro; o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez; o rexedor de Chantada, Manuel Varela; o alcalde de Ribas do Sil, Miguel Sotuela; o rexedor de A Pobra do Brollón, José Luis Maceda; e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, que recolleu a documentación para os alcaldes do Partido Popular.
PERFIL DO USUARIO DA TELEASISTENCIA NO SUR DE LUGO: MULLERES VIÚVAS OU SOAS E QUE SUPERAN OS 80 ANOS
O programa de Teleasistencia Domiciliaria, posto en marcha en 1992, está dirixido a persoas maiores que viven soas, principalmente en núcleos rurais e alonxados de hospitais ou centros de saúde, para poder ofrecerlles un soporte de axuda a distancia que permita asistilos en caso de emerxencia as 24 horas durante todo o ano, co que se garante a súa independencia e a posibilidade de permanecer no seu propio fogar. No sur de Lugo, están rexistrados 333 usuarios e usuarias este servizo, na súa maioría mulleres viúvas ou que viven soas e que superan os 80 anos de idade.
“SILENCIO” COMO RESPOSTA DA XUNTA CARA Á COLABORACIÓN
Trala sinatura destes convenios cos alcaldes do sur de Lugo, o responsable da área de Benestar da Deputación, Antonio Veiga, lembrou que tiñan solicitado a colaboración da Xunta de Galicia para que o goberno autonómico se fixese cargo dunha parte do custo do servizo, pero que “a súa resposta foi o silencio”. Asimesmo, o titular provincial manifestou o compromiso da Deputación de Lugo coas persoas máis necesitadas, “nun momento de crise no que outras institucións retiran as súas axudas”.
CRÍTICA DO BLOQUE NACIONALISTA DO SUR DE LUGO AOS RECORTES EN BENESTAR DO GOBERNO
Cando o Goberno central comunicou a súa decisión de non aportar os fondos para este servizo, o responsable comarcal do Bloque Nacionalista Galego, Ricardo Rodicio, criticou a “falla de política social dos Gobernos central e galego que afectan gravemente á calidade de vida dos cidadáns e tamén ao mercado laboral”. Rodicio lembrou que “os recortes en benestar provocan o incremento dos datos do paro, sobre todo en comunidades como Galiza e en provincias coma Lugo, caracterizadas polo elevado avellantamento do poboación”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social de Monforte, Pilar López, cualificou a teleasistencia domiciliaria de “servizo de vital importancia para as persoas maiores, sobre todo para as que viven soas”.