Todo listo en Quiroga para a XIII Mostra do Aceite o 24 de febreiro

As aplicacións deste aceite na cociña, e os coidados da oliveira, temas da xornada técnica do día 16

 

A elaboración artesanal do aceite nas Farrapas de Bendilló centra as celebracións da Mostra do Aceite nesta aldea quiroguesa, onde tamén haberá postos de exposición e venda de produtos locais. Arquivo EC.

A vila quiroguesa de Bendilló acollerá, o vindeiro domingo 24 de febreiro, a XIII edición da Mostra do Aceite. Unha celebración xa tradicional no calendario de festas de exaltación dos produtos da nosa terra, e que nesta edición estará precedida por unha xornada técnica en torno ao mundo do aceite e do seu cultivo.

O ACEITE DE QUIROGA, “UNHA XOIA PARA LEVAR POR DENTRO”, TEMA DUNHA DAS CHARLAS

Ao longo da mañá do sábado 16 de febreiro desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura de Quiroga as dúas charlas que integran a xornada técnica sobre o aceite. En primeiro lugar, a profesora da Escola de Hostelería de Lugo Fe Mourenza Álvarez falará sobre “As aplicacións culinarias do aceite de Quiroga: unha xoia para levar por dentro”, en horario de 11 a 12 horas. A continuacion, e ata as 13 horas, desenvolverase a charla titulada “Fertilización e coidados da oliveira”, a cargo de Emilio Lemos Rubinos, enxeñeiro técnico agrícola da Sociedade Agrícola Galega. Xa o domingo 24 de febreiro, os actos da XIII Mostra do Aceite de Bendilló inauguraranse ás 11 horas, e o muíño de Bendilló entrará en funcionamento sobre ás 11,30 horas, mantendo aberta durante toda a xornada a demostración da elaboración artesanal deste produto. Ás 12 horas terá lugar a cata dos aceites participantes na Mostra, no interior da Capela das Farrapas, no recinto feiral. Na Mostra do Aceite non faltará a música, a cargo dos grupos tradicionais Banda de Gaitas San Martiño de Quiroga, Grupo de Gaitas “O Recanto” de Quiroga, e o Grupo de Danzas San Martiño. Os visitantes poderán adquirir diversos produtos típicos da zona quiroguesa nos stand de exposición e venda situados no recinto feiral, e degustar churrasco e pulpo nos postos instalados para a ocasión.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preto de 300.000 euros para mellorar as pistas da comarca de Chantada

Seguinte Nova

Aberto o prazo para participar na V Carreira Popular Concello de Monforte do domingo 3 de marzo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: