Nun encontro coa cidadanía en Monforte de Lemos
O Salón de Actos da Casa da Cultura de Monforte encheuse de público para escoitar e conversar con Xosé Manuel Beiras, líder de Anova Irmandade Nacionalista, que acudiu á vila do Cabe o pasado 19 de abril para falar sobre o proceso de constitución desta formación política, e para contrastar coa cidadanía a súa análise da situación socioeconómica e política que atravesa Galicia. Beiras comezou a súa intervención agradecendo á cidadanía o seu apoio á coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) nas pasadas eleccións autonómicas. O histórico líder nacionalsta lembrou que a iniciativa para crear este frente partiu de Anova, que ofreceu a outras formacións políticas a posibilidade de unirse “para parar á brigada de demolición que é a Xunta de Galicia do PP, brazo executor da plutocracia financieira e que ten como única función esmagar á xente”. Con esta man tendida a outros partidos, Anova foi quen rompeu a tendencia das formacións políticas “a ir cada un polo seu lado”, explicou Beiras, que precisou que “se lle propuxo ó BNG, pero non considerou oportuno participar, e sí o fixeron outros como Esquerda Unida ou Equo”.
ASAMBLEAS ABERTAS BASEADAS NA SOBERANÍA DE GALICIA E A ESQUERDA “PENSADA COMO RESPOSTA Á MAIORÍA SOCIAL”
Logo de explicar ós presentes a dinámica interna de Anova Irmandade Nacionalista, e de adiantar cales están a ser os pasos para a súa constitución definitiva como formación política, Xosé Manuel Beiras insistiu na idea de que Anova funciona en asambleas abertas, “onde só se requiren dous piares básicos: o recoñecemento de Galicia como nación e con dereitos como tal, e a esquerda entendida non como sectaria ou parcial, senón pensada como resposta á gran maioría social esmagada por unha oligarquía”.
BEIRAS: “GALICIA COMO POBO ESTÁ EN PERIGO DE EXTINCIÓN”
A continuación, Beiras falou sobre a situación política e social no noso país, e alertou de que “Galicia está en perigo de extinción como pobo, e os seus cidadáns están en situación límite respecto ós dereitos fundamentais”. O líder de Anova precisou que “o réxime logrado na Transición, a segunda restauración borbónica, está podre”.
“HAI QUE RECONSTRUIR UN NOVO MODELO POLÍTICO QUE BROTE DENDE A CIDADANÍA”
Xosé Manuel Beiras insistiu na necesidade de “reconstruir dende a cidadanía un novo modelo político que brote da xente, sen pretender dirixila ideoloxicamente, para levar ata os órganos decisorios as auténticas necesidades da xente”. O líder de Anova dixo que “só cando hai base sólida na xente, os representantes electos serán verdadeiros representantes nas institucións”, e precisou que “a unidade de acción é máis importante que a unidade orgánica”, xa que o problema do nacionalismo “é cando chega ás institucións e empeza a alonxarse dos cidadáns”.