Cruce de acusacións sobre os carteis de protesta da Plataforma Sanitaria no Cardeal

A portavoz do Grupo Municipal do PP denunciou a instalación de cartelería nas árbores do entorno do Parque dos Condes

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte (PLADESAPU) segue a convocar concentracións na rúa Cardeal os mércores ás 20,30 horas. EC.

A sanidade pública segue a centrar a polémica na cidade do Cabe, nesta ocasión en torno á cartelería que a finais do mes de marzo instalou no arborado da rúa Cardeal e do Parque dos Condes a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte, como medida de protesta, entre outras que está a realizar, contra a aprobación do Decreto de integración da Área Sanitaria de Lugo. Os textos e as fotografías que se reproducen nos carteis lembran a masiva manifestación do 16 de marzo pasado contra a decisión do Goberno da Xunta sobre a área sanitaria, así como as palabras que, en maio de 2010, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo en Monforte en relación ó mantemento da Área Sanitaria propia. Palabras que tamén son recordadas por megafonía durante a concentración que, dende finais de marzo, convoca a Plataforma cada mércores na rúa Cardeal.

CRITICAN A PRESENCIA DE “INSULTOS E DESCALIFICACIÓNS” NOS CARTEIS

En relación á presencia destes carteis na paisaxe urbana, a voceira do Grupo Popular no concello de Monforte, Julia Rodríguez, presentou un escrito no Concello solicitando información sobre a existencia de licencia que habilitara a colocación de ditos carteis. Julia Rodríguez denunciou asimesmo que “estes carteis e pasquíns inclúen a imaxe do presidente da Xunta acompañada de insultos e descalificacións”, e criticou que “de tratarse de imaxes que ofenderan ó alcalde, xa terían sido retiradas”. Neste sentido, a voceira popular en Monforte destacou “a actuación exemplar dos monfortinos cando, a pesares do descontento maioritario coa tramitación do PXOM, nunca recurrimos á vexación e ó insulto contra o alcalde”. Julia Rodríguez precisou que “foron numerosos os veciños que nos trasladaron as súas queixas por estes carteis”, que, según a voceira popular, “trasladan unha imaxe de cidade sen lei”.

“REPROBACIÓN, QUE NON INSULTO OU DESCALIFICACIÓN”, Ó INCUMPRIMENTO DA PALABRA DO PRESIDENTE

En resposta a estas palabras, os responsables da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública aproveitaron a concentración celebrada o mércores 8 de maio no Cardeal para rexeitar a consideración de “pasquíns” que a voceira popular atribúe ós carteis, “xa que non son anónimos, e as imaxes e palabras que rexistran corresponden a situacións e declaracións reais”, polo que non consideran que se estén a realizar insultos nin descalificacións, “senón que o incumprimento da palabra por parte do Presidente da Xunta merece a reprobación de todos os cidadáns”. Os voceiros de PLADESAPU emplazaron a Julia Rodríguez a “preocuparse un pouco máis, como monfortina, das listas de espera do Hospital, e de concretar dunha vez feitos consolidados e palpables sobre as novas melloras que se están a prometer co novo decreto”. Dende PLADESAPU anunciaron que, proximamente, porán en marcha novas medidas “máis drásticas”, e suliñaron que “para as concentracións do Cardeal temos todos os permisos solicitados e concedidos, cousas que parecen preocupar máis á voceira do PP que a defensa dos servizos do Hospital de Monforte”.

JULIA RODRÍGUEZ SOLICITA A RETIRADA DOS CARTEIS

Días despois, Julia Rodríguez respostou ás declaracións do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, en diversos medios de comunicación, cando afirmaba que a Plataforma non dispón de licencia para a colocación dos carteis de protesta. A voceira popular cualificou esta situación de “grave”, ao non cumprir a normativa vixente a este respecto, e esixiu ó equipo de Goberno municipal “que actúe para corrixir esta situación e retirar os carteis”, que considerou “unha falta de respeto ós cidadáns e un deterioro da imaxe da cidade”. A voceira popular insistiu ademais na “incuestionable” defensa que o Partido Popular está a facer polos servizos do Hospital de Monforte. “É a nosa prioridade absoluta, e seguiremos traballando para garantir a mellor asistencia sanitaria para os monfortinos”, precisou Rodríguez.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Julia Rodríguez Barrera opta á presidencia do PP de Monforte o 25 de maio

Seguinte Nova

Arrincan os programas de benestar social no sur de Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio