Fondos provinciais para financiar as expropiacións do novo tramo do paseo fluvial

•O convenio firmado entre a Deputación e o Concello de Monforte ascende a 60.000 euros •Este paso fará posible a execución das obras de acondicionamento das marxes do río entre A Compañía e Piñeira

O alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, explica os detalles do proxecto de acondicionamento do canle e marxes do Cabe ó presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, en presencia do concelleiro José Tomé. GPDL.

A mediados do mes de maio, o proxecto de ampliación do paseo fluvial do Cabe ata Piñeira deu un novo paso para ser realidade. O 16 de maio, Deputación e Concello firmaban en Monforte o convenio polo que o organismo provincial achegaba preto de 60.000 euros para o pagos dos custes de expropiación dos terreos necesarios para executar as obras na zona de A Pinguela. Con este convenio, quedaba resolto un trámite importante para non interromper os prazos desta importante infraestrutura, na que participan a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación de Lugo e o Concello, e que dende o goberno municipal cualifican como “a obra máis importante en Monforte nos derradeiros anos, xunto coa potabilizadora e a residencia do Morín”.

UN TRAMO CON PASARELAS, MIRADOIROS E ÁREAS RECREATIVAS

Trala firma do convenio na Casa Consistorial, o rexedor local e o presidente provincial, acompañados de concelleiros da corporación local, visitaron o lugar de A Pinguela, onde están os terreos a expropiar, e que abranguen o treito do paseo fluvial entre o Parque dos Condes e a parroquia de Piñeira. Severino Rodríguez explicou ó mandatario provincial os detalles do proxecto, que suporá o acondicionamento de tres quilómetros e medio de paseo fluvial, e que incorpora a construción de elementos estéticos e lúdicos como pasarelas, miradoiros e áreas recreativas.

APORTACIÓN “EXCEPCIONAL” PARA O PROXECTO DE MONFORTE

Gómez Besteiro suliñou que esta subvención “excepcional” que a Deputación achega ó Concello de Monforte para sufragar os gastos das expropiacións ven complementar ó convenio que asinarán o propio Concello, a Confederación Hidrográfica e o ente provincial para o financiamento e execución das obras. Besteiro resaltou que non é frecuente que a Deputación participe neste tipo de convenios “dado o seu elevado custo”, e que neste caso suporán un investimento de máis dun millón de euros no proxecto do paseo fluvial de Monforte. Esta aportación do ente provincial permite ademais que Monforte non perda os fondos FEDER do Programa Operativo de Galicia 2007-2013, e poder levar a cabo esta “relevante” actuación para o municipio.

UNHA OBRA QUE MARCARÁ “UN ANTES E UN DESPOIS” NA VIDA DA CIDADE DE MONFORTE

Asimesmo, o mandatario provincial solicitou á Xunta de Galicia “a maior celeridade na declaración e tramitación da urxencia destas expropiacións” para un proxecto “de gran magnitude e importancia que propiciará a proximidade da cidadanía co río”. Gómez Besteiro amosou a súa confianza en que esta obra “será moi agradecida polos monfortinos, e marcará un antes e un despois na vida da cidade”. Pola súa banda, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo neste proxecto, para o que solicitara “un esforzo máis” do ente provincial cara a financiar o custo das expropiacións. “Houbo quen puxo en dúbida ese compromiso da Deputación, pero eu non o dubidei nunca”, suliñou o alcalde. Os cinco millóns de euros que suporá o proxecto global propiciará a creación de postos de traballo en Monforte, lembrou o rexedor local, e a recuperación do río para a veciñanza, “como un elemento vital da cidade”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Ribeira Sacra celebrou a II Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño

Seguinte Nova

Bóveda convoca o II Concurso de Carteis XI Feira Tradicional Outrora

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: