Sober, capital da concordia institucional a prol da dignidade

Acto de homenaxe ás vítimas da represión franquista

Nunha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación, e cunha mesa redonda a cargo de expertos

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

• Sober lembrou ás vítimas da represión franquista nun acto simbólico celebrado o 25 de outubro no Salón de Actos da Casa da Cultura. Esta homenaxe “humilde e simbólica”, según destacou o alcalde, Luis Fernández Guitián, foi tamén “de xustiza” para coas vítimas, como declararon tanto o rexedor local coma o condutor do acto, Alfonso Campos. O concelleiro do BNG, Jorge García, lembrou que esta homenaxe é proba de que “hai que dar exemplo entre todos e tender pontes”, ademais de seguir “rehabilitando a memoria destes veciños” represaliados durante o franquismo. García suxeriu tamén a instalación dun monolito en memoria destas vítimas, algunhas das cales constituían a Corporación local que saiu das eleccións de febreiro de 1936, como destacou o concelleiro socialista en Sober, Iñaki Rodríguez, quen se referiu expresamente “aos labradores e xornaleiros que estaban entón integrando o goberno municipal, e que foron asesinados e represaliados”. Rodríguez destacou a importancia de lembrar “o seu esforzo por conseguir unha sociedade democrática”.
A homenaxe xurdiu dunha iniciativa presentada pola concelleira de Anova, Paula Vázquez Verao, que acadou o respaldo unánime do Pleno municipal de Sober do pasado 26 de setembro. Verao agradeceu a todos os membros da corporación este apoio, e lembrou que unha homenaxe destas características é unha situación “normal nunha sociedade para poder superar todo ese trauma”. A concelleira nacionalista destacou tamén o valor social, ademais de histórica, da investigación sobre a memoria destes feitos, “xa que a investigación axuda a levantar ese velo que pesa sobre a xente, e a reflexionar”. Verao fixo unha lembranza especial á mestra de Miño, de orixe soberino, María Vázquez, asesinada polas súas ideas progresistas, e a Daniel Álvarez Carneiro, alcalde executado en Lugo, “nun dos sucesos máis abominables da represión, e que inspirou esta iniciativa”.
O alcalde leu a declaración institucional, acordada por unanimidade da Xunta de Portavoces do Concello de Sober, pola que esta institución “recoñece a dor e sufrimento de todas as vítimas da represión, nas súas diferentes modalidades, e restitúe a súa memoria públicamente”. Ademais, “esta Corporación recoñécese na lexitimidade da Corporación Municipal saída das eleccións de febreiro de 1936”. Por último, o Concello de Sober fixo “un recoñecemento explícito á Corporación Municipal de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións polo golpe militar de xullo de 1936, e que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política”.
O acto contou cunha mesa redonda a cargo do profesor e catedrático de Historia Carlos Méixome, quen cuestionou o carácter “supostamente modélico” da Transición, xa foi “amnésica” para coas vítimas do franquismo. Pola súa banda, o arqueólogo Xurxo Ayán amosou a profundidade da represión na sociedade a través dun proceso de “aculturación” ou “franquismo sociolóxico” para facer desaparecer os vestixios do progresismo iniciado pola República, que se manifestou na “apropiación simbólica” por parte do Réxime de elementos como o espazo público ou a paisaxe. Ayán destacou a importancia da “arqueoloxía da memoria” para a comprensión da nosa identidade colectiva e individual.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Comezou a campaña de vacinación contra a gripe

Seguinte Nova

Lugo volve ser a provincia con máis investimento por habitante nos Orzamentos da Xunta para 2015

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss