Comezou a campaña de vacinación contra a gripe

•A provincia de Lugo conta con 161 puntos de vacinación •A Consellería prevé superar as cifras da pasada tempada, cando se vacinaron preto de 64.000 lucenses

A campaña de vacinación contra a gripe e o pneumococo desenvolverase ata o 20 de decembro. Arquivo EC.
A campaña de vacinación contra a gripe e o pneumococo desenvolverase ata o 20 de decembro. Arquivo EC.

• O pasado 20 de outubro, a Consellería de Sanidade iniciou a campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo correspondente a este ano, e que se prolongará até o 20 de decembro. A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentou a campaña, acompañada pola xefa territorial de Sanidade, Purificación Rivas, e destacou que a provincia de Lugo conta cun total de 161 puntos de vacinación, aos que os lucenses poden acudir para recibir as correspondentes vacinas.

LUGO E OURENSE, AS PROVINCIAS CON MÁIS VACINACIÓNS EN TEMPADAS ANTERIORES
Según explicou Arias, Sanidade prevé superar este ano a taxa de vacinación fronte á gripe acadada na campaña do ano pasado e “chegar a unha cobertura do 65% ou máis da poboación diana”.
Tradicionalmente, a provincia de Lugo, xunto coa de Ourense, son as que rexistran unha maior participación nestas campañas, que teñen por obxectivo diminuír o número das complicacións derivadas da gripe e a súa gravidade, así como diminuír a morbi-mortalidade das enfermidades causadas polo streptococo pneumoniae.
Según os datos aportados pola Consellería de Sanidade, na campaña de vacinación do ano 2013, administráronse na provincia de Lugo 53.135 vacinas entre maiores de 60 anos, cunha cobertura do 52% desta franxa de poboación. Pola súa banda, foron 10.655 en total as persoas menores de 60 anos que solicitaron recibir a vacina da gripe e do pneumococo.

A QUÉ PERSOAS OU COLECTIVOS VAI DESTINADA A CAMPAÑA DE VACINACIÓN
A campaña de vacinación está destinada a todas as persoas de 60 anos ou máis, e ás pertencentes aos grupos de risco, entre os que se inclúen as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes de seis meses ata 18 anos con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.
Inclúense tamén na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e tamén as persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; aquelas persoas que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e tamén os viaxeiros internacionais.

CÓMO SE ESTÁ A ORGANIZAR A CAMPAÑA DE VACINACIÓN
Según explicaron os responsables da campaña, utilizaranse dúas vacinas, unha para a poboación xeral, intramuscular, e outra indicada para a poboación maior de 75 anos, ou que viven en residencias, intradérmica, que induce unha mellor resposta defensiva. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser moi lixeiras e pasaxeiras.
Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación, e as persoas con 60 anos ou máis, así como as que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde.

A CAMPAÑA DESENVOLVERASE EN OITO SEMANAS, ATA O MES DE DECEMBRO
A Consellería de Sanidade recomenda acudir progresivamente ós centros de saúde, xa que hai oito semanas para recibir a vacina e así evitarase a sobrecarga dos servizos asistenciais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Ata o 15 de novembro poderá solicitarse praza no programa Xuntos polo Nadal

Seguinte Nova

Sober, capital da concordia institucional a prol da dignidade

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: