En marcha o operativo do Plan Invernal da Xunta na provincia de Lugo

Con 18 máquinas quitaneves e 19 depósitos de sal

• A Xunta de Galicia puxo en marcha a finais de novembro o operativo do Plan de Vialidade Invernal na provincia de Lugo, que ata finais de abril permitirá garantir a circulación en condicións axeitadas na rede de estradas lucenses de titularidade autonómica

MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DE INVESTIMENTO NO PLAN PARA A PROVINCIA DE LUGO
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá máis dun millón de euros neste operativo especial de inverno. Con esta dotación orzamentaria, estará activo un equipo material integrado por 18 máquinas quitaneves e 4 retroescavadoras. Ademais, as máquinas dispoñen de esparexedores de fundentes e dos correspondentes sistemas de empuxe para a neve.

CARACTERÍSTICAS DO OPERATIVO INVERNAL
Según explicaron os responsables deste operativo, un total de 4 destas máquinas contan con esparexedores de salmoira, un fundente líquido constituído por unha solución salina que ofrece mellores resultados para actuar na prevención da formación de placas de xeo, sendo tamén máis respectuoso co medio ambiente.
Ademais dos 11 silos e 4 aprovisionamentos de sal distribuídos estratexicamente pola xeografía da provincia, estarán tamén en funcionamento 4 plantas que servirán para a fabricación e abastecemento de salmoira. O operativo autonómico para a provincia conta cun total de 19 depósitos dos distintos produtos empregados para manter a vialidade na rede de estradas.
Haberá un saleiro en O Corgo, Pedrafita, Lugo, O Incio A Pastoriza, Quiroga, Begonte, Castroverde e Chantada, e dous en Xermade, Sarria e na Fonsagrada. Ademais, cóntase con 4 plantas de salmoira. Con este reparto, preténdese gañar en operatividade, chegando canto antes aos puntos que presenten algunha dificultade para o tráfico, pero tamén procurar a eficiente distribución do material. A meirande parte dos silos teñen capacidade para albergar 60 toneladas de sal, aínda que algúns poden acoller ata 100 toneladas. A reserva total de fundentes acada as 1.500 toneladas na nosa provincia. O plan de vialidade invernal, no que interveñen 120 persoas na provincia de Lugo, alcanza á totalidade da rede viaria da Xunta,con preto de 1.500 quilómetros.

OBXECTIVOS DO PLAN INVERNAL DA XUNTA
O obxectivo do Plan de Vialidade Invernal é reforzar a seguridade viaria das estradas fronte ás inclemencias climatolóxicas propias do inverno, ofrecendo unha resposta inmediata e eficaz mediante a retirada da neve ou a distribución de sal cando as condicións así o requiren.
Ademais, realízanse constantemente accións preventivas, aínda que a estrada se atope aparentemente libre de neve ou xeo, para evitar no posible a súa formación e acumulación.
A efectos de contratar a prestación deste servizo, a rede de estradas autonómicas en Lugo dividiuse nas áreas norte e sur, separadas pola estrada N-VI entre Guitiriz e Lugo, e a estrada de Fonsagrada, dende a capital cara ao límite da provincia. O servizo, incluído nos contratos de conservación integral das estradas, está cuberto por dúas empresas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Magosto no IES A Pinguela

Seguinte Nova

A Muralla de Lugo disporá dun ascensor para garantir a accesibilidade

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: