•Membros da asociación Lugopatrimonio promoveron esta visita, acompañados do vicepresidente da Deputación e de veciños da zona •A igrexa románica estaba a piques de derrubarse

• O pasado 30 de maio, o adro da igrexa de San Mamede, na parroquia de Vilasouto no Incio, foi o lugar de encontro dos membros da asociación Lugopatrimonio coa veciñanza local para celebrar o remate das primeiras obras de rehabilitación deste monumento. No encontro participou tamén o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, de cuxo departamento
depende a Área de Cultura e Deporte do organismo provincial.
LUGOPATRIMONIO SOLICITOU O COMEZO DA SEGUNDA FASE DOS TRABALLOS
Según destacaron os responsables da asociación Lugopatrimonio, o remate da primeira fase das obras de rehabilitación da igrexa de Vilasouto foi «moi loado e agradecido pola veciñanza, pois significa a salvación dunha igrexa que estaba a piques de esboroarse».
Dende Lugopatrimonio solicitaron que se inicie «xa» o estudo e execución da segunda fase destes traballos. O proxecto global incluiría a consolidación exterior do edificio, e a adaptación do seu interior como centro de interpretación da historia e patrimonio da contorna.
REHABILITACIÓN COMO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA CONTORNA
A asociación cultural destacou a importancia da riqueza patrimonial da zona de Vilasouto, que acumula, ademais de diversas edificacións artísticas, unha gran cantidade de petróglifos e a área arqueolóxica de Santa Mariña, que alberga corenta mámoas e tres gravados rupestres.
VISITA CULTURAL AOS PETRÓGLIFOS DOS PENEDOS DA FERRADURA
Dada a gran riqueza cultural desta zona, os membros da expedición aproveitaron a xornada para visitar os outeiros de Trasmonte, onde Xosé Antonio, un dos veciños e activo dinamizador do patrimonio da zona, amosoulles os impresionantes petróglifos que cobren os Penedos da Ferradura.•