•O Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada segue a xerar un punto de encontro coa integración social e a realización individual, a través da diversión e da creatividade
• O vindeiro 21 de xuño, a partir das 18,00 horas, terá lugar en Chantada a representación da obra “A historia do galo Quirico”, a cargo do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude. Sobre as táboas, poderemos ver algo máis que unha historia dramatizada e interpretada por oito rapaces e rapazas de 8 a 30 anos. Os eixos temáticos e organizativos do traballo que realiza o Grupo de Teatro da Casa da Xuventude chantadina van máis aló do que se ve no escenario, e apunta a algo máis sustancial e fondamente enriquecedor: os valores de respecto, integración social e realización persoal. Unha mensaxe contada non só o día da estrea, senón tamén por capítulos, ao longo das sesións de ensaio que realizan durante todo o curso.
OS VALORES SOCIAIS E COLABORATIVOS, PROTAGONISTAS
Según explica Paqui Abeledo, directora da obra e responsable do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada, a idea fundacional deste grupo, xa hai máis de 15 anos, foi conseguir un espazo para actividades interculturais e intersociais, na que participaran todos os rapaces e rapazas que quixeran, entre 8 e 30 anos, que é a franxa xeracional que cubren as actividades da Casa da Xuventude. “Durante moitos anos se fixo así, logo foron diversificándose, e agora mesmo o grupo está formado por xente que participa noutras actividades da Casa”.
Este mesmo espíritu integrador nótase nos contidos das obras que representan. “Elixímolos en función do grupo que teñamos, e sempre con temas sociais, como o respecto, a natureza ou hábitos saudables, por exemplo”, explica Abeledo. Estes valores serán os protagonistas principais na fábula que representarán o día 21 de xuño.
TODOS PARA UN, E UN PARA TODOS
Pero os valores sociais e colaborativos non se quedan só nun discurso para o público. Son a marca que distingue o traballo diario do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada. “A idea principal é fomentar a participación, o traballo en grupo, e a aprendizaxe, para poder conseguir un resultado final entre todos e ofrecerllo aos demais”, comenta con entusiasmo Paqui Abeledo. “Eu sempre llo digo aos grupos que levo: o teatro afeccionado é un acto de amor, un traballo impresionante que despois regalas”, precisa Abeledo.
Este xeneroso agasallo comeza a prepararse con varios meses de antelación. Nos ensaios, o Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada traballa a expresión vocal e corporal, “sempre dun xeito lúdico, a través dun xogo dramático que sirve para chegar a todos os membros, lograr que se desinhiban, e cohesionar o grupo”, explica Abeledo. Ademais, os actores e actrices preparan os textos, aínda que coa esixencia de improvisar. “Isto é moi bo, porque axuda a que eles incorporen a súa propia personalidade á personaxe e á historia, e así sempre sae algo novo”, suliña Paqui Abeledo. O traballo individual abrangue tamén o deseño do vestuario, que se vai preparando ao longo do ano nos talleres de artesanía e manualidades que se imparten na Casa da Xuventude.
O TEATRO, UNHA ACTIVIDADE MOI SAUDABLE
Todo este proceso non só dá lugar a unha obra teatral a fin de curso. Os actores e actrices saen ao escenario convertidos en persoas máis fortes, con máis autoestima e máis recursos para a interacción social. “Todo o esforzo individual ten unha ganancia para o grupo, o día da estrea, pero tamén para cada un dos membros”, explica Abeledo. O exercicio da memoria, a concentración, o traballo de fortalecemento da seguridade persoal para saír diante do público, as posibilidades que dá a creatividade e o poder de improvisación… custa conseguilos pero dá resultados e, sobre todo, moita satisfacción persoal. “O máis difícil ao primeiro é conseguir que se desinhiban, que saian diante do público, pero unha vez que rompen o xeo, sempre comentan que é o mellor”, suliña Abeledo, satisfeita por comprobar, ano tras ano, os beneficios que o teatro produce na xente. “En todos os grupos dinme que facer teatro lles deu desenvoltura de cara a terceiros na súa vida cotiá”. O teatro vivido como unha escola de convivencia e riqueza compartida, un agasallo ao que todos e todas estamos convidados.•