O Folión de Carros terá o seu documental da man da Fundación TIC

•Este emblemático evento chantadino celebrarase o sábado 27 de agosto

Presentación do convenio asinado entre a Fundación TIC e a Asociación de Amigos do Folión para a realización dun documental sobre esta chantadina festa de interese turístico . GPDL.
Presentación do convenio asinado entre a Fundación TIC e a Asociación de Amigos do Folión para a realización dun documental sobre esta chantadina festa de interese turístico . GPDL.

• Mentres se está a traballar en Chantada na confección dos carros para o Folión deste ano, o colectivo organizador da festa incorpora un novo elemento para a difusión deste singular evento, que conta coa categoría de Festa de Interese Turístico dende 2002. A Asociación de Amigos do Folión de Carros de Chantada asinou en xullo un convenio coa Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, pola que o alumnado desta escola realizarán un documental sobre esta festividade, unha das máis antigas de Galicia. O convenio foi asinado polo patrón da Fundación TIC e vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o presidente da Asociación de Amigos do Folión de Carros de Chantada, Manuel Vázquez, nas instalacións do Telecentro chantadino.

IMAXES ANTIGAS DOS ANOS 90, E GRAVACIÓN DO DESFILE
Segundo explicaron os responsables desta iniciativa, o documental incluirá imaxes e material gráfico dos anos 90 pertencentes ao arquivo da asociación organizadora do Folión. Ademais, os bolseiros e técnicos da Fundación TIC gravarán o proceso de elaboración dos 11 carros que participarán na edición deste ano. Por último, un equipo da Fundación TIC recollerá íntegro o desfile e a totalidade dos actos que se inclúen no Folión de Carros, o sábado 27 de agosto. Álvaro Santos suliñou “o interese da TIC en difundir este tipo de celebracións que dan boa mostra da tradición popular e cultural da nosa provincia”, que se manteñen vivas “grazas en boa parte ao labor que levan a cabo colectivos como os Amigos do Folión”. Ademais, esta actividade servirá de formación prática para os bolseiros da TIC.

UNHA DAS FESTAS MÁIS ANTIGAS E SENLLEIRAS DE GALICIA
O Folión de Carros de Chantada, declarado de Interese Turístico Galego no 2002, é un dos festexos máis antigos de Galicia, con orixe na Idade Media. Naqueles tempos, os diferentes gremios saían do seu aillamento para desfilar pola vila e amosar o seu traballo como artesáns. Na actualidade, o Folión trata de manter esta tradición, que só se deixou de celebrar durante os anos da Guerra Civil, e tamén poñer en valor aos bois e vacas, animais fundamentais na historia económica de Galicia, e que no Folión teñen gran presenza á fronte dos carros no desfile.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Viaxe etnolóxico ao Lugo dos anos 30 na exposición sobre Ebeling no Incio

Seguinte Nova

Máis actividades para todos os públicos na XXI Feira da Rosca de Sober

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: