A depuradora do Porto Seco de Monforte estará rematada en xuño

•O alcalde vén de asinar o contrato coa empresa responsable da construción desta infraestrutura

O rexedor monfortino e os representantes da empresa analizaron in situ o proxecto de construción da depuradora. GPCM
O rexedor monfortino e os representantes da empresa analizaron in situ o proxecto de construción da depuradora. GPCM
• A depuradora do Porto Seco de Monforte estará completada antes de rematar o vindeiro trimestre do ano. O pasado 9 de marzo, o alcalde, José Tomé, asinou o contrato coa emprega Obras y Viales de Galicia (OVIGA), encargada da construción desta infraestrutura. Segundo explicou o alcalde, está previsto que a obra dure dous meses, e que a nova estación depuradora estea rematada a finais de maio ou principios de xuño. O importe da actuación é de 255.154,05 euros, a oferta económica máis vantaxosa entre as presentadas polas 14 empresas que optaron a esta obra.
Logo da sinatura do contrato, o rexedor local acompañou aos representantes da construtora ata os terreos do Porto Seco, para analizar os pasos que se van desenvolver na obra.
José Tomé valorou positivamente a sinatura deste contrato. “Logo deste último trámite, por fin, en moi poucos meses, a plataforma loxística terá en servizo o saneamento que faltaba para que as empreseas poidan instalarse nas súas parcelas”, destacou o alcalde.
SOLUCIÓN A UN PROBLEMA PENDENTE DENDE 2011
Tomé insistiu en que a sinatura deste contrato “demostra que dende o Concello poñemos o punto final a un capítulo que durou demasiado tempo”. O alcalde lembrou a importancia de desbloquear unha situación que se mantiña dende o ano 2011, cando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil comunicou ao Consistorio que non autorizaba a conexión do Porto Seco á rede municipal de saneamento. Co fin de resolver esta situación, en maio de 2016 o alcalde de Monforte asinou coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, un convenio de colaboración entre Concello e Xunta, no que acordaban financiar a medias esta infraestrutura.
“Unha vez resolto o problema do saneamento, non hai escusa para que as empresas que estaban comprometidas se instalen definitivamente no Porto Seco, unha vez que tramiten as licenzas”, declarou Tomé. Neste sentido, o rexedor local amosou a súa esperanza de que “a implantación de empresas se cumpla canto antes”. “O Concello está desexando poder conceder licenzas ás empresas que o soliciten e presenten a documentación necesaria”, precisou o alcalde.•

Julia Rodríguez solicita á Xunta o impulso da promoción do Porto Seco

•A deputada monfortina do Partido Popular pediu tamén a conversión desta plataforma nun centro preferente para o tráfico de mercadorías

Imaxe de arquivo da deputada autonómica do Partido Popular, e portavoz do Grupo Municipal do PP no Concello de Monforte, Julia Rodríguez. Arquivo EC
Imaxe de arquivo da deputada autonómica do Partido Popular, e portavoz do Grupo Municipal do PP no Concello de Monforte, Julia Rodríguez. Arquivo EC
• O pasado 10 de marzo, a deputada autonómica do Partido Popular, Julia Rodríguez, rexistrou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei, na que solicita que a Xunta impulse iniciativas que permitan a promoción do Porto Seco de Monforte. Segundo destacou no seu escrito a deputada monfortina, estas iniciativas deberán contribuír a convertir o Porto Seco nun centro preferente do movemento de mercadorías por ferrocarril e en plataforma loxística, dentro do Plan de Optimización Loxística de Galicia.
“GRAN ESFORZO” DA XUNTA EN INCENTIVAR O PORTO SECO COMO “POLO DE RIQUEZA E EMPREGO”
No documento presentado á Cámara galega, Julia Rodríguez destaca “o gran esforzo” que está a realizar a Xunta “para incentivar a configuración do Porto Seco de Monforte como un polo de xeración de riqueza e emprego no sur de Lugo”. Rodríguez precisou que esta liña de actuación do Executivo autonómico estase a concretar en “incentivos á instalación de empresas e na dotación das conexións necesarias” na zona sur da provincia.
PRETO DE 20 MILLÓNS DE EUROS XA INVESTIDOS POLA XUNTA
Neste sentido, a deputada autonómica do Partido Popular e portavoz do Grupo Municipal do PP en Monforte lembrou que a Xunta leva realizado un investimento próximo aos 20 millóns de euros no desenvolvemento da plataforma loxística monfortina, así como na execución da súa conexión coa estrada LU-933, vial que entrou en funcionamento o ano pasado. Julia Rodríguez salientou tamén que, neste momento, está en fase de redacción o proxecto de construción para prolongar a LU-933 ata a N-120, co que estaría garantida unha “correcta accesibilidade” ao Porto Seco.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

«Un Lugo máis social e máis próspero», balance dos 100 primeiros días de Goberno da Xunta

Seguinte Nova

O sur de Lugo celebrou o Día Internacional da Muller

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

CENTRO DE FORMACIÓN AUDIOVISUAL

Publicidade O Centro de Formación Audiovisual do SdeA da Deputación de Lugo imparte formación regrada e non regrada relacionada co eido audiovisual
Ir aInicio

Don't Miss