A posta en marcha de novas fórmulas para estimular a exportación das adegas da Ribeira Sacra foi o asunto principal da reunión mantida en Santiago polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o presidente da Asociación Adegueiros e Transformadores do Miño, Alfonso Regal. No encontro, celebrado o 7 de abril, Conde valorou o «importante esforzo» das empresas galegas no eido da internacionalización, sobre todo no sector agroalimentario. Este foi un dos tres sectores, xunto co téxtil e a automoción, que máis incrementou a súa presenza exterior durante o ano pasado.
Pola súa banda, Regal transmitiu ao titular de Economía os esforzos das adegas representadas por este colectivo, con sede en Chantada, por poñer en valor a calidade dos seus produtos e chegar a máis mercados. O presidente da Asociación Adegueiros e Transformadores do Miño explicou que Colombia é o mercado hacia o que están a enfocar as súas estratexias, ademais de intentar abrir espazos en Uzbekistán, país no que as exportacións galegas dobraron o seu volume o ano pasado respecto ao exercicio anterior. •