O turismo termal estase a consolidar como unha alternativa viable para desestacionalizar e diversificar esta actividade en Galicia, segundo destacou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa participación en Ourense no I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde. Rueda resaltou que o termalismo é unha opción para dinamizar a actividade turística e a economía nas zonas de interior.
O vicepresidente primeiro tamén apuntou ás medidas que puxo en marcha o turismo termal para facer fronte á pandemia, a través de protocolos de prevención cos que ofrecer seguridade aos visitantes. Esta acción súmase
ao conxunto de medidas postas en marcha para promover Galicia como destino seguro e de calidade.
O congreso, organizado por Termatalia, vén substituír á Feira Internacional de Turismo Termal e de Benestar, que tivo que ser anulada pola pandemia. O evento que se celebrou en Ourense a mediados de setembro congregou na cidade das Burgas a medio cento de expertos de diferentes países, que debateron sobre as solucións necesarias para minimizar o efecto da crise
sanitaria no turismo termal.