•Nunha concentración celebrada diante do Concello, os hostaleiros esixiron apoios para remediar o impacto dunha medida que pode condenar á desaparición a moitos negocios

A hostelería de Monforte sumouse ás mobilizacións que en toda a provincia organizou a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo (APEHL). A concentración do sábado 7 de novembro escenificouse diante da Casa do Concello, onde máis dun centenar de hostaleiros reivindicaron os seus dereitos ante o peche obrigatorio establecido para o sector polas autoridades sanitarias. Os profesionais da hostalería denunciaron tamén a falta de axudas para evitar o peche definitivo dos seus negocios, xusto na semana na que Núñez Feijóo anunciaba «unha liña urxente de axudas», que suporá unha achega de entre 2.200 e máis de 7.000 euros por establecemento pechado por mor da covid-19. A diferencia de importes establecerase segundo o número de empregados e o número de meses que leve pechado o establecemento.
A APEHL lembrou que a hostalería de Galicia solicitou unha audiencia con Feijóo «para trasladar as inquedanzas dos hostaleiros, solicitar axudas para saír desta crise, e convocar unha manifestación a nivel galego».•