O programa de investimentos do Concello de Pantón segue adiante, desta volta coa inminente contratación doutras seis obras de mellora en varios puntos do municipio. A comezos de maio, o Consistorio anunciou o conxunto de iniciativas que se van levar a cabo nos vindeiros meses, e que inclúen dúas actuacións de mellora de viais, e outras dúas na rede de abastecemento de auga.
En canto ás comunicacións, o Concello acometerá a segunda fase dos traballos de mellora da seguridade vial na estrada LU-617 en Tuiriz, e o acondicionamento da rúa Xeneral Ramón Fernández Núñez en Ferreira. En canto aos servizos, realizaranse obras no abastecemento de auga potable no núcleo do Alto da Guítara e no Pereiro. Así mesmo, vaise efectuar unha reforma no edificio municipal Os Castros, no campo da feira, con mellora da súa ventilación. Neste lote de actuacións, inclúese a adquisición dun vehículo municipal.
Por outra banda, o Concello de Pantón está a executar melloras en camiños municipais nos núcleos de Santa Mariña, San Román de Acedre e no Souto, na parroquia de Pantón. Tamén están en marcha obras na unión da rúa Chao Falcón e a rúa Ourense, na capitalidade de Ferreira, ademais de seguir a desenvolver os traballos iniciados no parque de Goián e nas instalacións do campo de fútbol municipal.•