EnComún consulta aos monfortinos a súa opinión sobre o proxecto da nova ponte do río Cabe

Gonzalo L. Torres

Imaxe da ponte proxectada por Monsa Urbanismo para o Malecón de Monforte.

Hai moitos anos que non se lembra na comarca de Lemos unha cuestión que levantara tanto debate e controversia entre a cidadanía como o xerado desde que o Alcalde de Monforte, José Tome, anunciase a súa intención de construír unha nova ponte sobre o río Cabe. E o curioso é que a construción dunha nova ponte na cidade foi unha reclamación que podiamos cualificar de histórica para os monfortinos, incluso estrañando a forma da vella ponte de ferro que levou a corrente en 1952 e que só os máis vellos coñeceron, pero cuxos recordos conmovéronos ata a nostalxia ás xeracións que xa non o vimos. Pero unha cousa é o curioso e outra o real. E o real é que, tralo anuncio polo Alcalde da licitación da nova ponte e do seu futuro emprazamento noMalecón, para substituír á actual pasarela peonil de madeira, entrar no barrio de Ramberde e cruzar a rúa Santa Clara á altura da Corredoira, empezou a xurdir un rumor de oposición ao proxecto, que se vén incrementando a medida que transcorren os meses, e cuxa voz agora parece ter un maior eco.

A PLATAFORMA CONVOCA UNHA CADEA HUMANA O DOMINGO 27 DE XUÑO
A verdadeira forza poderase avaliar o día 27 de xuño, ás 12:30 horas, data na que a Plataforma cidadá Salvemos O Malecón ten convocada unha cadea humana para rodear o Malecón e poñer de manifesto a defensa da actual pasarela de madeira e os valores paisaxísticos, ambientais e urbanos do Malecón. Na reivindicación recoñécese a necesidade de pechar a Ponte Vella ao tráfico rodado pero, ao mesmo tempo, maniféstase a oposición dunha parte importante da veciñanza á construción dunha nova ponte entre o Malecón e o barrio de Ramberde.

ENQUISA NA EDICIÓN DIXITAL PARA PULSAR A OPINIÓN PÚBLICA
O xornal EnComún – Crónica de Sur de Lugo, a través da súa versión web, www.encomun.es, quixo pulsar a opinión pública acerca deste novo proxecto, poñendo en marcha desde o 3 de xuño, na súa sección de Enquisas, unha consulta a todos aqueles interesados para que dean a súa opinión sobre este particular. En concreto, a pregunta exposta é: Está conforme co proxecto para construír unha nova ponte de ferro no Malecón en substitución da pasarela peonil actual?
Aínda sendo conscientes de que a enquisa non ten carácter científico, e dada a modestia do noso medio de comunicación, os resultados desta consulta deben servirnos para pulsar ese rumor crecente que circula polo Monforte tanto real como virtual (hoxe as redes sociais son case máis reais que a mesma realidade).

UN TEMA DE ALTA SENSIBILIDADE PARA A CIDADANÍA
Deste experimento temos que destacar dúas evidencias. A primeira é a enorme sensibilidade da poboación a esta cuestión. Aos poucos minutos de subir a enquisa á nosa web e publicitala no tweeter, o incremento de visitas foi espectacular, no que tecnicamente se chama impresións. En poucas horas alcanzamos as 909 visitas, o seguinte día chegamos a 1.675, e o domingo 241 máis. En apenas tres días tivemos 2.825 visitas. Ata a data de peche da edición impresa, participaron na consulta 1.557 votantes, é dicir, ao redor dun 8% da poboación do municipio. Dos votos, 1.462 mostraron a súa desconformidade co proxecto, e 95 votaron a favor. A enquisa seguirá activa durante todo xuño, pero non parece que a tendencia se vaia reverter.
Varias serían as posibles análises á vista destes resultados, e tamén varias as críticas á propia enquisa, máis non é a nosa función sacar conclusións dos primeiros, e as deficiencias técnicas da enquisa xa as recoñecemos con anterioridade.

ACTIVO EN REDES E POLÍTICAMENTE POSICIONADO: O PERFIL DO QUE VOTOU NON Á NOVA PONTE
O que si parece confirmarse é a enorme sensibilidade que desperta este proxecto para unha parte importante da cidadanía de Monforte, seguramente unha parte activa en redes sociais, e posiblemente cunha certa implicación política. Quédanos por ver o día 27 de xuño a súa capacidade de mobilización, e tamén a lectura que fará o Alcalde José Tomé e o seu equipo. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As bibliotecas de Sober contan xa co libro «Heroes de primavera», unha homenaxe aos nenos como heroes da pandemia

Seguinte Nova

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: