Adegas O Castro, un caso de emprendemento no rural galego

• Lorenzo López, empresario dunha cadea hoteleira en Canarias, con raíces en Pantón, está rehabilitando o convento dominico de San Martiño para fins turístico enolóxicos

Na foto superior, as novas prantacións de Adegas O Castro. Foto GPCP
A impresionante adega abovedada. Foto EC.

O concello de Pantón caracterízase por ser un dos municipios da Ribeira Sacra con máis patrimonio arquitectónico en forma de templos relixiosos e pazos e casas grandes. Un deses, o convento dominico de San Martiño de Pantón cunha adega monacal abovedada única en Galicia, estivo á venda durante moito tempo, ata que Lorenzo López, empresario dunha cadea hoteleira en Canarias con raíces en Pantón, apostara por investir e emprender nel. “A idea é dunha persoa nativa de aquí que emigrou de nova e quixo volver ás súas orixes.
O obxectivo era rehabilitar o convento e crear un proxecto vitícola sostible, moderno e mecanizado”, afirma o responsable de Adegas O Castro.
“A iniciativa privada é moi importante para axudarnos a levantar o noso rural. Este proxecto xera empregos, movemento de xente, a hostalería e o sector servizos nótano. Sempre é unha honra que a xente volva á súa terra e queira investir nela. Confiamos e desexamos o mellor futuro para este proxecto e todas as iniciativas empresariais que temos en marcha en Pantón. O movemento xera movemento” sinala o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez.
Adegas O Castro adquiriu o convento e estao rehabilitando para fins turístico enolóxicos ao tempo que desde o 2019 estiveron traballando na compra de parcelas, “falando cos vecinos e percurando facer fincas grandes porque estamos nunha zona de minifundio e tentamos agrupar e buscar mínimo fincas de 10 e 20 hectáreas”.
Na actualidade teñen prantacións en Espasantes e Atán, 120 hectáreas e a previsión é chegar a 200 hectáreas, “buscamos moitas variedades autóctonas da zona e centrámonos máis na Godello. Tamén puxemos Mencía, Loureira, Branco Lexítimo, montamos 10 hectáreas de Albariño nun parral. Buscamos facer mesturas destas variedades de uva para ter un viño con bo aroma, bo padal e que non teña moita graduación.” As cepas prántanse en chan, en zonas altas, “prantamos onde ninguén pranta en terreos que non tiñan utilidade e así revalorizamos estas terras que non son pastos para os xabarís e contribuimos a que non haxa incendios”. Doce persoas traballan en plantilla durante todo o ano e para as campañas como poda, prantación ou vendima, contrátanse empresas auxiliares, chegando a equipos de ata trinta persoas durante dúas ou tres semanas que traballan nunhas viñas totalmente mecanizadas.
O principal destino dos viños que elaboren será o autoconsumo nos hoteis da cadea e podería entrar na D.O. Ribeira Sacra unha pequena parte das prantacións en zona de produción da D.O. Ribeira Sacra.
A adega apura os pasos para ter todo preparado e que neste ano xa se podan abrir as portas “O convento vai ser enoturismo, levamos moito tempo na parte turística e todo se prepara en parte por iso. Por aquí vai a pasar moita xente, na parte alta temos dous grandes salóns para eventos e reunión.”•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Nova páxina web de turismo do Concello de Sarria

Seguinte Nova

O Concello completa o Proxecto da Zona C coa mellora da rúa Rof Codina

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: