A Xunta achega medio millón de euros para outro obradoiro de emprego no Courel

Novo impulso ao emprego na zona do Courel. A finais de xullo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou dous millóns de euros á financiación de catro obradoiros de emprego na zona sur da provincia de Lugo, e que beneficiarán a 11 municipios. Un destes obradoiros é o denominado Sillor IX, que desta volta está promovido polo Concello de Folgoso, e no que están asociados os municipios de Quiroga e Ribas de Sil. A Consellería destina para este obradoiro un importe de 503.978 euros.
Logo da aprobación destas partidas polo Consello da Xunta en xullo, o delegado territorial na provincia, Javier Arias, salientou que estes obradoiros aumentan a súa duración, pasando de nove a doce meses. O obradoiro do Courel dará formación teórica e práctica, así como un contrato laboral, a 20 persoas desempregadas, e a maiores, crearanse outras prazas para postos de administración, dirección e monitores. A formación centrarase en áreas con boas perspectivas de integración laboral. Ao remate dos obradoiros, os participantes recibirán cadanseu certificado de profesionalidade con validez en toda España.
Arias informou de que na selección de participantes, que xa está en marcha, darase prioridade ás persoas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.
Nas mesmas condicións de financiación e número de prazas están os outros dous obradoiros da zona sur. O Ricra VI está promovido polo Concello de Pantón, e ten asociados aos municipios de Sober e O Saviñao. Asimesmo, A Pobra do Brollón promove outro obradoiro con Bóveda e O Incio. A maiores destas condicións, o obradoiro Serra do Faro VII, no que están Chantada e Carballedo, conta cun incentivo para a contratación dos 20 participantes no obradoiro en empresas da contorna por un periodo mínimo de tres meses a xornada completa, logo de rematar as sesións formativas. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Sober chama á “responsabilidade” no consumo de auga

Seguinte Nova

O PP lucense denunciou «o claro incumprimento» da Deputación co complexo turístico de Augas Mestas

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: