Acordaron dirixirse tanto ó Xerente da Área Sanitaria de Lugo como á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para demandar que se cubran as prazas de forma urxente
Presidido polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vense de celebrar unha reunión do Consello Municipal de Saúde, pola problemática que atravesa nestes momentos o Hospital Comarcal de Monforte, a quen lle trasladaron persoalmente tanto traballadores coma pacientes, a súa preocupación pola falta de especialistas.
Durante a sesión, deuse contada falta de especialistas en hematoloxía, dixestivo, rehabilitación, neuroloxía, psiquiatría, pediatría, etc., interviñeron os demais membros do Consello Municipal de Saúde de Monforte, e representantes do Colexio de Enfermería, de Farmacéuticos, de Psicoloxía, de Médicos, así como da Xunta de persoal do Hospital Comarcal de Monforte, da Plataforma en defensa da sanidade pública, pedáneos e a asociación de Cobas.
O Consello acordou por unanimidade facer un recopilatorio de datos referente ás especialidades que están sen cubrir, ou que carecen de especialistas total ou parcialmente, así como a falta de enfermeiras e enfermeiros, e dirixirse tanto ó Xerente da Área Sanitaria de Lugo como á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para demandar que se cubran as prazas de forma urxente.
“Todo da esta situación”, sinalou o Alcalde, José Tomé Roca, “vai en detrimento dos pacientes que teñen que esperar unha larga lista de agarda, en moitos casos, e noutros moitos, teñen que trasladarse ó Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo para ser atendidos, e como dos traballadores que están a sufrir un exceso de traballo continuo”.•