
O Partido Popular de Monforte expresou a súa preocupación e sorpresa ante o que consideran como exaxeracións e mentiras do alcalde José Tomé en relación cos investimentos no concello.
Segundo o PP, o alcalde presume de investimentos que aínda non están confirmados e moitos deles non teñen data de execución, o que leva a cuestionar a súa seriedade e rigor.
A voceira popular, Katy Varela, afirmou que «Monforte precisa dun alcalde rigoroso, serio, que traballe e deixe de lado as mentiras». A principal crítica vén da discrepancia entre os investimentos anunciados por Tomé, cifrados en 45 millóns de euros, e a realidade das obras en curso. O PP asegura que moitos dos proxectos anunciados están «no aire» e aínda non se sabe nada sobre a súa realización.
Entre os investimentos cuestionados polo PP están a supresión dos pasos a nivel, a construción da nova ponte, a praia fluvial, a conexión entre a N120 e a N120A, e o centro de ciberseguridade.
O partido esixe ao alcalde «maior rigor» e destaca que moitos dos investimentos anunciados non se levaron a cabo.
Ademais, o PP de Monforte critica o uso da web oficial do Concello para promover a imaxe do PSOE e dos cargos socialistas. Segundo Katy Varela, a páxina web municipal non debe usarse para facer propaganda partidista, referíndose a unha publicación na que destacaban ao candidato do PSOE á Xunta de Galicia.
«A páxina web municipal non se usa para facer propaganda, como tampouco se emprega para mentir», denuncia Varela. A situación levou o PP a sinalar que «Tomé está moi nervioso» e instan ao alcalde a centrarse no traballo por Monforte en lugar de «esforzarse en tecer mentiras».•