Sarria literaria: o Fiz Vergara e o certame IES Gregorio Fernández

Sarria implica aos novos narradores e aos poetas galegos a través de dous premios xa consolidados neste eido

Autoridades e premiados no acto celebrado en Triacastela en xuño. IES Gregorio Fdz.

Redacción – Sarria

As terras de Sarria miran cara a literatura dun xeito especial tentando fomentar esta arte entre diversos sectores e dende a base social. O poeta sarriano Fiz Vergara e o destacado escultor relixioso do século XVII Gregorio Fernández dan nome a dous certames que converten ano a ano a Sarria en centro de atención para o mundo da literatura. Promovidos dende a asociación cultural Ergueitos e e dende o Instituro de Educación Secundaria Gregorio Fernández respectivamente, estes certames moven a conciencia creativa no eido galego e comarcal. Poesía e narrativa son protagonistas en cada un dos casos.

PROMOCIÓN DAS LETRAS E DA CULTURA DA MAN DAS ASOCIACIÓNS

O pasado mes de maio Xerardo Quintiá recollía o Fiz Vergara Vilariño destacando o certame como unha importante plataforma de lanzamento que á vez fai posible a publicación da dunha obra que quizáis non se vise nunca editada para o público se non fose por oportunidades coma esta. Este tipo de premios son, segundo recoñecía o autor galardoado, “un pouco os mecenas de hoxe en día”. O prestixio do premio Fiz Vergara vese avaliado polo seu recoñecemento entre os literatos galegos e fai que este ano se cumprise nada menos ca unha década de existencia. O Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño nace no ano 2000 a iniciativa da Asociación Cultural Ergueitos, co patrocinio do Concello de Sarria e como homenaxe ao poeta de Lóuzara Fiz Vergara Vilariño. Pero a actividade de Ergueitos en prol da literatura nunca estivo centrada unicamente na organización do nomeado premio, senón que se proxecta como algo constante e permanente, sempre dentro das posibilidades económicas do colectivo. A súa presidenta, María Casar, destacaba recentemente para este periódico, a importancia que teñen acadado outras actividades coma o Roteiro Artístico Literario de Lóuzara que tivo lugar este sábado 11 de xuño repetindo o percorrido polas terras de Fiz Vergara. Esta rota é un compendio da obra de trece artístas plásticos en trece lugares da Xabreira e acompañados de trece poemas do autor local. A loita por facer da figura de Fiz Vergara un referente fixo tamén do val da Lóuzara un museo ao aire libre no que pervive a súa memoria,en gran parte grazas a unha cultura asociacionista intimamente ligada ao carácter do municipio sarriano. O roteiro repítese cada ano con mellor resposta veciñal e completouse cunha visita á casa do Fiz, o muíño e a Fonte da Cova e un recital poético-musical na Aira de Tesín. O punto e final púxose na Fervenza de Augadalte e o Pozo de Beltrán.

O TALENTO DOS MÁIS NOVOS, SEMENTE DO PREMIO DE NARRATIVA IES GREGORIO FERNÁNDEZ

Pero o fomento da creación literaria na comarca tivo precisamente nos últimos días outro dos seus mellores momentos coa entrega do premio IES Gregorio Fernández a varios alumnos de centros educativos da zona. No canto da poesía, a narrativa é aquí a protagonista, e o instituto leva nada menos que oito anos coa convocatoria dun premio destinado a todos os alumnos da comarca de Sarria que cursan estudos de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Foron un total de 12 os premiados, e as súas obras veranse recollidas nun libro que se edita anualmente vinculado a este certame. Pero a creatividade literaria vai aquí parella á ilustrativa, polo que tamén se conceden recoñecementos nesta disciplina.

A alta participación e a implicación dos rapaces conforma o principal motivo que move ao instituto a traballar durante todo o ano polo certame, buscando unha colaboración que atopan nos concellos da comarca, entidades como Novacaixagalicia, a Deputación e a Xunta, que poñen o seu gran de área para facer posibles tanto os premios como a publicación do libro. O certame xurde dunha idea dos profesores do centro educativo co fin de fomentar a escrita entre o público máis novo e implicar a toda a comarca tendo unha referencia en Sarria. A resposta foi contundente, e este ano recibíronse arredor dun cento de traballos onde cadaquén aportou a súa narración. Para Luis López Melle, secretario do Gregorio Fernández “ trátase dunha iniciativa realmente interesante, que dá boa conta da canteira coa que se conta na zona pensando no futuro da literatura galega. O certame conta con participantes que teñen obtido numerosos recoñecementos como é o caso de Elena López González, unha moza con obras prometedoras no eido da narrativa. A delegada territorial da Xunta estivo presente, entre outras autoridades, no acto de entrega celebrado este ano en Triacastela; Raquel Arias, animou aos alumnos da comarca a “aspirar a ser os futuros creadores da cultura galega”.

Nunca é suficiente o que se fai polo fomento da cultura, da literatura e da lectura nun contexto no que Internet está a desprazar moitas das boas costumes, fundamentalmente entre os máis novos. E esta é unha idea que non se lle escapa nin a Luis López nin aos profesores dos departamentos de Linguas e Orientación que enfocan esta iniciativa co afán de espertar inquedanzas polo mundo da literatura. Alumnado do colexio da Bretaña francesa co que o instituto mantén un intercambio unido ao irmandamento que Sarria ten dende hai anos con Guerledan, son tamén participes deste certame, achegando unha pequena dose de cosmopolitismo á narrativa local, e facéndoa, se cabe, máis universal.

Premiados narrativa IES Gregorio Fernández 2011

Primaria 2º ciclo: Tamara Corral, Laura López ( CEIP Triacastela), Odei Duarte (ilustración, O Incio).

Primaira 3º ciclo: Cid rey, Lucía Capón, Christian Expósito (CEIP Frei Luis de Granada), Natalia Moure (ilustración Frei Luis de Granada)

ESO 1º ciclo: Alba Vázquez, Julia Castellanos ( Colexio Asunción).

ESO 2º ciclo: Elena López (colexio Asunción), Noelia Rodríguez e Iago Quiroga (Ies Gregorio Fernández)

BAC e Ciclos formativos: Andrea García (IES Gregorio Fernández), Maël le Gaillard (categoría de obra en francés por intercambio co colexio bretón Paul Eluard.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria, vila de deporte

Seguinte Nova

Opinión: «Desfeita II»

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: