A comisión organizadora do San Xoán reflexiona sobre o significado actual dos festexos e reprantexa o seu futuro como asociación
Redacción – Sarria
A organización das festas de San Xoán corre nos últimos anos a cargo da asociación Sarria Noite do Lume, quen tomou hai dous anos o relevo do colectivo Lume, do que se manteñen algúns integrantes. O propio colectivo, presidido por Marcos Balboa naceu precisamente para organizar os festexos. Son os encargados do programa deste ano, pero atópanse nun momento extrano e se cabe interesante no que se reflexiona sobre unha refundación e unha redefinición da súa funcionalidade. O cambio no goberno local deixa nun momento de dúbida ante o futuro desta comisión de festas, que quere seguir taballando pola dinamización social e cultural de Sarria, segundo manifesta o seu presidente.
IMPULSO Á PARTICIPACIÓN VECIÑAL E Á ACTIVIDADE NA RÚA
O futuro pasa por seguir incidindo na mesma liña, pero quizáis dun xeito máis modesto e implicando tamén aos veciños das parroquias. Facendo balance e cualificación do que son nos últimos tempos as festas do San Xoán, Balboa indica que estes anos se conseguiu dar un impulso á participación cidadá nos festexos e a fomentar a actividade na rúa durante todo o día. Iso é o que son agora as festas grandes da vila, as patronais de Sarria, en boa parte grazas ao labor deste colectivo ou comisión de festas.
A NOITE DO LUME, UN SINGULAR ATRACTIVO DO SAN XOÁN DE SARRIA
Sarria Noite do Lume conseguiu atraer á vila outro tipo de espectáculos e darlle un pulo e un especial protagonismo á noite do 23 de xuño, a Noite do Lume, como un elemento diferenciador doutros festexos, con espectáculos modernos e unha gran cacharela arredor da cal se poden chegar a reunir unhas 3.000 persoas. Para a comisión colectivo, conseguise dar un salto cualitativo moi importante, o que os fai sentir especiais nesa noite “fermosa e máxica” que é a do San Xoan. En opinión de Balboa esa noite é a que mellor reflicte o obxectivo que cumpre esta comisión que leva 4 anos organizando os festexos. “Antes no malecón non había espectáculos de calidade como agora, e grazas á colaboración e á implicación de moitos artistas sarrianos hoxe é posible”, apunta Marcos Balboa. Por outra parte, teríase acadado mater unha liña de calidade nas iniciativas dirixidas tanto aos nenos coma aos adultos.
FEIRA MEDIEVAL DE MEIGAS
Aínda sen desvelar por completo o programa, Sarria Noite do Lume adianta que este ano se seguirá a mesma liña que nos tres anteriores, pero que a habitual feira medieval que se celebra do 23 ao 25 na vila estará este ano ambientada nas meigas, o que conseguirá achegar o espírito do San Xoán ás rúas céntricas de Sarria, introducindo aos cidadáns na temática destes festexos.
“ORGANIZAR O TALENTO DE SARRIA”
En resumo, “nestes últimos tempos conseguise organziar o talento que hai es Sarria”, e que se reflicten nunha corrente vinculada tamén a outras actividades como son a Desbandada e o Tapicheo ou a presenza activa de colectivos como a banda municipal, “ que lle dá moito a Sarria”, opinan dende a comisión. A organización de concertos en pequenos locais e os destacados éxitos de moitos dos músicos que saen da banda demostran a súa calidade e o seu “activismo”. Como reflexión xeral, o colectivo apunta que Sarria comeza a saber venderse no ámbito cultural e social e ven de xurdir unha certa dinamización neste senso.
O FUTURO
Pensando no futuro, o colectivo Noite do Lume expresa o desexo de que non se perda o traballo feito, e de que “quen queira que entre a traballar polo San Xoán dea continuidade ás iniciativas que demostraron dar bos froitos”. Marcos Balboa recoñece que “os tempos que corren non son bos para a lírica”, pero as gañas de traballar e as posibilidades coas que conta Sarria deben garantir o futuro. O futuro inmediato dos festexos pasa por “facer máis con menos”, apuntou o novo alcalde, quen considera, contrariamente, “ que nos últimos anos as festas foron perdendo fuelle”. Para Jose Antonio García o San Xoan significa para Sarria o referente das festas patronais. Son uns días nos que Sarria se abre ao mundo.