Un grupo de cinco escolas infantís de 0 a 3 anos e Puntos de Atención á Infancia (PAI) da zona sur da provincia de Lugo beneficiaranse dunha liña de axudas da Consellería de Traballo e Benestar pola que recibirán en total preto de 75.000 euros (74.145 euros). Estas axudas, cuxa comunicación ven de facerse pública logo da publicación no DOG, representan un importante apoio ao mantemento destas dotacións que son xestionadas directamente polos distintos concellos e forma parte da habitual colaboración entre a Administración autonómica e os entes locais para o desenvolvemento de distintos servizos sociais.
DETALLE DAS AXUDAS DA XUNTA
No que respecta á zona sur da provincia, os centros beneficiados son as escolas infantís de Monforte e O Saviñao e os Puntos de Atención Continuada que xestionan os consistorios de Carballedo, Bóveda e Sober. De xeito concreto, as dotacións ascenden a senllas achegas de 23.010 euros no caso dos centros dependentes do Concello de Monforte e do Concello do Saviñao, e 9.374,75 euros no caso dos PAI dos tres municipios restantes. Esta actuación inscríbese na aposta da Xunta de Galicia polas prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos. De feito, no que vai de lexislatura lévanse creado máis de 2.100 prazas públicas en toda a Comunidade Autónoma.