Rural Underground: o cine que nace das terras de Chantada

Rural Underground, etiqueta que ben podería referirse a calquera desenvolvemento narrativo, dentro da séptima arte, presentado cun discreto glamour e grande fachenda intelectual nas xornadas de Sundance. O máis importante evento de cinema independente a nivel mundial, e con sede, como non, nos Estados Unidos, acollería sen dubidalo todo traballo que levase tan insigne epígrafe. Pero dase a circunstancia de que a contorna de Salt Lake City, no estado de Utah, onde se celebra cada ano este festival de cine, queda un pouco a desmán vindo dende Chantada. Porque é aquí onde naceu este “selo de denominación de orixe audiovisual”, alá polos anos finais da década dos 90, da man de Chantada Films, unha das produtoras máis singulares e con personalidade de Galicia.

Un fotograma da cinta “Lola”, producida por Chantada Films (Cedida por Alfredo Pardo-Chantada Films).

OS 200 CHANTADINOS QUE FIXERON HISTORIA NO CINEMA

Para explicar ben o concepto de “Rural Underground” hai que ir á inqueda cabeza de Alfredo Pardo, alma mater e factótum de Chantada Films. O xermolo que alí deixaron as lecturas do libro de contos “Feliz ano novo”, do brasileiro Rubém Fonseca, e especialmente “Desquencias dun mozo escritor” conduciron á adaptación cinematográfica e rodaxe de “Punto e final”, mediametraxe que supuxo un fito ao incorporar por vez primeira a máis de 200 veciños ao ritmo marcado pola claqueta. Dáse por suposto que Alfredo Pardo é un gran amante do cine; o que hai que mencionar expresamente, ao referir o seu perfil nunha escrita introdutoria, é o seu prurito estético. O primeiro traballo de Chantada Films iba firmado pola arte, non só no celuloide senón tamén na presentación: nada menos que o debuxante Nazario, considerado pai do cómic underground ibérico, firmou o cartaz de “Punto e final” que chegaría a ser, máis ben, un “punto de arranque” para unha das experiencias cinematográficas máis suxerentes do panorama actual. Un reto no que conflúen a novena arte e o cinema e que se está a manter en toda a produción de Chantada Films, ao apostar por debuxantes de banda deseñada (Xaquín Marín ou Joan Boix, entre outros) para a realización dos cartaces. Este afán artístico, unido a un intenso compromiso co entorno rural e as súas xentes (lembren aos 200 chantadinos na laboura de rodaxe), conflúen na definición que Pardo recita cando se lle pregunta polo seu “Rural Underground”: “un selo de denominación de orixe audiovisual que intenta utilizar mecanismos narrativos para construir unha realidade alternativa no campo perceptivo, de falsificación voluntaria da realidade, aproveitando os valores paisaxísticos nas localizacións, experimentando os recursos rurais, defendendo a lingua galega e fomentando a participación veciñal dentro do cinema”. A “fórmula maxistral” de Pardo, o selo da casa, supón unha mistura do social e do rural: quen mellor que os veciños para acuñar o espíritu do interior de Galicia en calquera produción fílmica, ben sexa como actores ou como produtores ou axudantes. Aportan o elemento autóctono a un encomiable encaixe de bolillos onde se integran á perfección técnicos e actores profesionais, para recrear dende o rural un novo xeito, moi vangardista, de entender o cine.

INQUEDANZA SOCIAL: “POBO QUE NON SE MOVE É POBO MORTO”

Alfredo Pardo cita esta máxima de Daniel Vázquez Bóo (fundador da Liga de Amigos en 1912) cando se lle fala da relación entre as chamadas “industrias culturais” e a realidade social. “Cremos na realidade dunha acción e implicación social”, explica Pardo, “por iso dende a nosa Asociación promovimos un manifesto para eliminar do rueiro chantadino os nomes franquistas, temos participación activa na Plata-forma polo Desenvolvemento Socio-económico de Chantada, realizamos o primeiro estudo histórico sobre o cinema en Chantada publicado no libro “Crónicas Chantadinas” (de varios autores) e colaboramos co Concello en distintas actividades audiovisuais”. Dinamismo, imaxinación e capacidade de mover á xente conflúen en Chantada Films para outorgarlle un espíritu singular. Un ollo de cine para ver algo máis do que a ficción deixa percibir.

CANDIDATURA AOS PREMIOS MESTRE MATEO

O bo traballo ten sempre consecuencias, e das memorables. A súa curtametraxe muda “Garabolis”, ambientada na Chantada dos anos 40 con guión de Manuel Guisande, música de Miguel Costas e debuxo do cartaz de Xaquín Marín, foi candidata o pasado ano aos Premios Mestre Mateo e seleccionada no Festival Internacional de Cine de Ourense. Mentres todo isto acontecía, xa andaba Pardo e a súa produtora artellando “Lola”, un filme baseado no relato curto de banda deseñada “Roberta” do autor Max Cabanes, ambientada a finais dos anos 60 e rodada no Pazo de Abral, Quinteliña e Os Queixeiros. Volcado na fase de posprodución de “Lola”, Alfredo Pardo lembra o elenco de actores profesionais que participaron nesta rodaxe: Darío Loureiro, Mela Casal, Fernando Morán, Uxía Blanco, Miro Magariños, Adelaida Vidal, Irene Puyol e Carlos Blanco. Los Suaves poñen a música dos créditos finais, o compositor Sergio Pena encargouse da música orixinal, César Seijas da dirección de fotografía e o prestixioso debuxante catalán Joan Boix realizou a ilustración do cartaz. Un exemplo máis da capacidade de Chantada Films (léase Alfredo Pardo) como creadores de sinerxias colectivas na procura dun obxectivo artístico.

“BO E COORDINADO TRABALLO EN EQUIPO”, CLAVES PARA UN FILME

A pesares da resaca dos Goya, e cos Oscar aínda fervendo na carteleira, as propostas cinematográficas máis vangardistas que se están a facer nestes anos parecen vivir un bo momento. Alfredo Pardo considera que “o audiovisual galego estáse a rexenerar con iniciativas artísticas de transformación e revolución carismática”. No caso de Chantada Films, o seu factótum simplifica dicindo que a clave está “nun bo e coordinado traballo en equipo, tanto artístico como técnico”. O día a día desta pequena produtora resulta unha continua loita contra o tempo “e non me refiro ás condicións meteorolóxicas”, xa que “os resultados finais dun filme van ser proporcionais a como empezou a preprodución do mesmo”. “En Chantada Films empezamos cunha idea xeral, pasando polo guión literario e técnico, storyboard, localizacións, permisos de rodaxe, atrezzo, selección de actores,probas de vestiario e maquillaxe”, relata Pardo ao detallar a programación de traballo. “Tamén coidamos a imaxe do cartaz que sempre é diseñada e feita por un debuxante de cómics”, na defensa da “virtual conexión” que en Galicia teñen, según Pardo, a novena e a séptima arte.

OS FESTIVAIS, IMPRESCINDIBLES PARA CHEGAR AO PÚBLICO

Pero unha vez rematado este longo e minucioso proceso, hai que achegarse ao público, necesidade imperiosa de todo produtor cinematográfico xa que, como apunta Alfredo Pardo, “cando se realiza un proxecto artístico, faise coa intención de que sexan pezas vouieristas, que a naturalidade desnuda sexa vista sen complexos e con fascinación visual. Que estén relegadas nun escuro caixón con pó e polillas non é a intención de ningún creador”. De aí que o último obstáculo -léase distribución e exhibición dos filmes- soamente se poida solventar grazas aos festivais, que permiten unha visualización das curtametraxes que, doutro xeito, quedarían relegadas a un “ostracismo involuntario” moi difícil de evitar.

INTERNET E SATURACIÓN: O FUTURO ESTÁ EN “SEPARAR O GRAO DA PALLA”

Co noticioso do asunto Megaupload e os seus coletazos sobre a piratería das películas e os estragos que está a causar no sector, sorprende que os traballos de Chantada Films recibiran tamén “algunha que outra abordaxe” por parte dos piratas cibernéticos. “Paréceme unha falta de respeto no que hai moito vacío legal”, sentencia Alfredo Pardo. Pero esta situación non parece un freo para a produción audiovisual, que crece cada ano e na que, a pesares de que hai “moita pedrada mental”, o futuro para as pequenas produtoras é posible: “todo é cuestión de separar o grao da palla”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

1.850 prazas na provincia de Lugo para as actividades de verán

Seguinte Nova

Traspaso de poderes no CCU de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: