Monforte de Lemos busca reafirmar a súa identidade como nodo de comunicacións
O Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, ven desenvolvemendo dende hai meses diversos contactos na procura de apoios que reforcen a Monforte como “nodo indiscutible” dentro da rede de distribución de mercadorías da Unión Europea. O rexedor local explicou que o obxectivo destas xestións é “lograr que Monforte permaneza na Rede Básica de Transporte Ferroviario”, iniciativa que conta co financiamento da Unión Europea e que posibilitaría o desenvolvemento de proxectos vinculados ao transporte de mercadorías, “coa implicación dos gobernos central e autonómico e o diñeiro xa asignado por Europa”.
APOIOS LOCAIS E AUTONÓMICOS
Neste sentido, Severino Rodríguez tratará de acadar o apoio da corporación local no vindeiro pleno, unha vez conta xa co respaldo dos sectores económicos da cidade a través do Consello Económico e Social. Asimesmo, o rexedor monfortino mantivo un encontro coa voceira do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, quen declarou que esta formación política levará ao Parlamento galego unha proposición non de lei “para que se faga toda a presión política e institucional necesaria” co obxecto de declarar Monforte Nodo Loxístico e porta de entrada e saída das mercadorías cara a meseta central e Europa. Ambos dirixentes coincidiron en que esta proposta, así como o establecemento da Rede Básica de Mercadorías no trazado León-Monforte-Ourense-Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña, son “estratéxicas non só para o propio concello de Monforte senón para toda a provincia, nomeadamente para a zona sur”.
“PAPEL HISTÓRICO DE MONFORTE COMO PUNTO NEURÁLXICO DE MERCADORÍAS”
Severino Rodríguez lembrou “o papel histórico de Monforte como punto neurálxico da rede de mercadorías”, e explicou que “o obxectivo é recuperar ese protagonismo, a través dunha proposta de Fomento que xa está en forma de borrador na Unión Europea pero que a decisión final se adoptará a finais deste ano”. De aí que o rexedor monfortino estime “fundamental” exercer “esa presión política e institucional” para evitar que se poida desbotar, “por unha decisión política de última hora” a elección de Monforte “cos seus conseguintes perxuízos de desestructuración social e económica de toda a comarca”. Asimesmo, o voceiro do grupo parlamentario do PSoe, Abel Losada, expresou ao alcalde de Monforte o seu apoio ás pretensións de Monforte como nodo loxístico na rede transeuropea.
APOIO DO MINISTERIO DE FOMENTO
Pola súa parte, Severino Rodríguez valorou como “moi positiva” a entrevista mantida coa ministra de Fomento, Ana Pastor, e co director xeral de Ferrocarriles, Manuel Niño, xa que lle manifestaron o seu “total apoio ó deseño actual da rede de transportes, así como a mellora dos enlaces entre Monforte, Lugo e Ourense”. Rodríguez sinalou que o ministerio de Fomento é consciente da importancia “das liñas de mercadorías entre os portos galegos e a Meseta, así como da conexión dos portos portugueses dende Aveiro, por Salamanca, para constituír un sistema de comunicación no que Monforte xogará un papel fundamental”.
APOIOS INTERNACIONAIS
O alcalde de Monforte, en calidade de Vicepresidente do Eixo Atlántico, reunirase en breve co Primeiro Ministro do goberno portugués, Pedro Passos Coelho, solicitándolle o seu apoio. O rexedor monfortino incidirá na importancia da conexión cos portos portugueses desde Aveiro por Salamanca para constituír un sistema integral no que Monforte debe desempeñar un “rol fundamental en aras da competitividade da Eurorrexión, e as potencialidades derivadas da ampliación da Canle de Panamá”.