Galicia está viva. Ao longo de toda a súa historia, sufriu penalidades, atravesou momentos mesmo máis difíciles que o actual, e a súa luz parecía apagarse en épocas aciagas nas que o destino semellaba negro. Pero malia todo, se hoxe podemos celebrar como cada 25 de xullo o noso Día de Galicia é porque esta terra segue adiante no século XXI. E a que se debe que o noso pobo o conseguira? A resposta está nos galegos. É o esforzo da nosa xente, transmitido de xeración en xeración, o que explica a supervivencia do noso país.
Na cultura, no benestar social e na economía. En calquera eido, a enerxía dos galegos é visible e a súa man está presente en todas as grandes iniciativas que ergueron ao noso país, tanto en momentos de bonanza como de dificultade. Foron galegos coma nós, con facetas e sentimentos dispares, pero xuntos, os que converteron Galicia nun país completo, dotado de impulso colectivo en todos os eidos.
Precisamente a súa gran achega foi esa idea de que tan eivado estaría o noso país cun sentimento reducido á mera contemplación como cun desenvolvemento social e económico no que se perdera a nosa identidade. Dalgún xeito, o comportamento dos galegos mesturou durante séculos a reflexión e a acción. Os nosos devanceiros soñaron sempre cunha Galicia que despois se esforzaron en levar á práctica.
Se cadra nunha época de tanta incerteza como a que estamos vivindo, resulta difícil imaxinar que as nosas utopías poden ser factibles, pero o certo é que ese pensamento conserva hoxe máis vixencia ca nunca. Non esquezamos que outros moitos momentos da nosa historia tamén parecían pouco propicios para a esperanza e que houbo etapas coma esta nas que case todo parecía conspirar para desistir e caer na resignación ou no derrotismo.
Cando esas circunstancias se deron, cando calquera proxecto era visto por moitos como algo inalcanzable, galegos coma nós mantiveron aceso, en medio das dificultades, o facho da fe nas posibilidades do país. Onde outros vían un destino fatal que nos empurraba ao desastre, eles foron quen de atopar elementos de esperanza.
A Galicia actual é filla das mulleres e homes que creron na súa terra cando o máis doado era deixarse levar polo desacougo. Mulleres e homes que non soamente inspiraron, animaron e protagonizaron avances de todo tipo, senón que tamén introduciron un cambio substancial de mentalidade. En lugar de quedarse no laio e mirar atrás para atopar un paraíso perdido, dan pasos cara a reflexión, compleméntana coa acción e poñen a súa ollada no futuro.
Por iso, a mellor homenaxe que podemos facer neste Día de Galicia é seguir o exemplo dos nosos devanceiros e renovar a fe en nós mesmos. Os problemas do presente non poden facernos esquecer o enorme camiño percorrido polo noso país, un legado que debemos preservar e mellorar para xeracións futuras.
Ese obxectivo de continuidade ten que presidir necesariamente a xestión das administracións públicas e preside, de feito, a xestión da Xunta de Galicia. Practicamos un galeguismo que non se conforma coa herdanza recibida dos que nos precederon, senón que se esforza por situar á nosa terra entre os pobos máis desenvolvidos e por mellorala cada día para aqueles que nos han de suceder.
“Das galegas e dos galegos de hoxe para a Galicia do mañá”, tal e como figura en cada placa que descubrimos cando poñemos en marcha un novo servizo público ou unha nova infraestrutura. Esa frase revela que somos conscientes de que a nosa terra nin comeza nin acaba con nós. Os propietarios dela somos os galegos de cada tempo e, por iso, entre as obrigas que temos os que vivimos na Galicia de hoxe está a de non minorar as posibilidades dos que virán despois.
Ese labor non é doado e supón, como podemos ver con profusión nestes momentos de dificultade, importantes esforzos por parte de todos. Pero na nosa propia existencia contemporánea podemos atopar signos de que é posible alcanzar os nosos anhelos colectivos.
Apoio este convencemento no feito de que Galicia teña posto voz, instrumentos e medidas para ordenar o seu destino, en lugar de ser suxeito pasivo na xestión das dificultades socioeconómicas do momento presente. Do mesmo xeito que a nosa terra sobreviviu no pasado a outros pobos, a Galicia de hoxe ten eco en España e na Unión Europea, ata o punto de que políticas establecidas aquí desde hai tres anos teñen servido de pautas no eido nacional e comunitario.
Por iso, no noso Día de Galicia, podemos mostrarnos como exemplo de que as autonomías son capaces de funcionar ben. Ter sido pioneiros en decisións como a austeridade das administracións, o control do déficit ou a estabilidade orzamentaria, ademais de servirnos para estar nunha situación de menor risco que outras comunidades, tamén demostra que as autonomías, lonxe de ser un obstáculo, poden cumprir co seu deber e ter un papel protagonista no camiño á recuperación.
Cando, pese a todas as incertezas e os esforzos do momento actual, somos capaces de investir en novos hospitais públicos, de reducir as listas de espera, de poñer a disposición dos galegos máis de 5.500 novas prazas públicas de servizos sociais, de garantir aos nosos escolares un mellor coñecemento en idiomas e en tecnoloxías, de facilitar o acceso dos cidadáns á banda larga vivan onde vivan, ou de atraer o interese internacional cara os os nosos principais sectores produtivos, estamos alimentando as nosas posibilidades pero tamén a nosa esperanza colectiva.
Como presidente da Xunta coñezo o desacougo de moitas persoas, de moitos emprendedores, especialmente dos millóns de desempregados que viven nunha angustiosa incerteza en múltiples recunchos de España, e, por suposto, tamén en Galicia. E por iso, cada avance logrado pola nosa terra nun tempo de enorme dificultade como o que vivimos é un estímulo para entender que os esforzos que temos que facer nos nosos días dan os seus froitos e valerán a pena.
Nas épocas máis dramáticas das nosa historia, Galicia sempre logrou espertar as súas enerxías. Foi o esforzo de todo un pobo o para superar as incertezas o que permitiu crear unha conciencia de unidade e levantar o noso Estado do Benestar, modernizar a nosa economía e abrir novos horizontes nos mercados internacionais. Chegamos a ser o que somos grazas a que galegas e galegos coma nós xamais desfaleceron na gran tarefa que é Galicia. Aos galegos de hoxe tócanos continuala. Xa demostramos que somos unha comunidade capaz de grandes logros e estou convencido de que podemos demostralo de novo. Coa forza de todos.
Bo Día de Galicia
Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia