Pulo ao polígono industrial de Chantada

A empresa Hijos de Rivera firmou a compravenda de dúas parcelas para ampliar a súa fábrica, e amosou o seu compromiso de “continuidade e xeración de riqueza na zona de Chantada”

O 24% da superficie dispoñible no parque empresarial xa foi vendida nuns meses

O polígono de Chantada está a experimentar movementos de ampliación de empresas alí instaladas, no que supón unha aposta pola consolidación deste parque industrial como motor de xeración de riqueza. Así, o pasado 12 de abril, a corporación Hijos de Rivera, propietaria da filial Custom Drinks, antiga Sidrería Galega, instalada nos Acivros, firmou coa Deputación de Lugo o contrato de compravenda de dúas parcelas cun total de 17.000 metros cadrados, co fin de ampliar a planta da súa filial. Ademais, está previsto que Hijos de Rivera merque ó Concello de Chantada un total de 1.600 metros dunha parcela anexa.

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela; e o conselleiro da corporación Hijos de Rivera, José María Rivera Trallero, durante a visita á planta que a empresa ten no chantadino polígono dos Acivros. FC.

NOVO PASO PARA A RECUPERACIÓN ECONÓMICA E LOITA CONTRA O DESPOBOAMENTO

Os novos terreos que incorpora Custom Drink están incluídos na zona de ampliación do polígono dos Acivros que foi urbanizada no seu día pola Deputación de Lugo. O titular do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, destacou durante a visita que realizou ás instalacións da planta chantadina previa á firma da compravenda, que a Deputación “está a favorecer a creación de emprego e a innovación empresarial na provincia”, e suliñou que este paso ten como consecuencia “a contribución á recuperación económica e á loita contra o grave despoboamento que padecemos”. Asimesmo, Besteiro valorou esta iniciativa emprendedora como “fundamentalsempre para a prosperidade dun país, pero moito máis nestes momentos tan difíciles, nos que acadamos taxas de paro insoportables para a sostibilidade económica, pero tamén en termos sociais”.

BESTEIRO: NECESIDADE DUN TECIDO EMPRESARIAL “COMPETITIVO”, E DUN COMPROMISO POLÍTICO QUE O IMPULSE

O presidente provincial lembrou que Lugo conta con 7.000 parados máis que hai tres anos, e alertou contra a “grave situación” na zona sur da provincia, onde o paro aumentou nun 60% dende 2010. Gómez Besteiro cualificou de “alarmante” o desemprego entre a mocidade, xa que “a metada da poboación xuvenil está no paro, e moitos vense obrigados a marchar do país, co que estamos a perder un capital humano determinante”. Diante desta situación, o mandatario provincial destacou como unha “urxencia” a necesidade de creación de emprego, o que esixe “un tecido empresarial competitivo, con gañas e capacidade de innovación, pero sobre todo un compromiso político que o impulse e o apoie”. O proxecto de ampliación do polígono dos Acivros acometido pola Deputación de Lugo respondía á forte demanda de solo empresarial na zona nun momento onde a capacidade do parque industrial estaba ó completo. Dende finais dos anos 90 estaba prevista esta actuación, aínda que a dotación orzamentaria realizouse coa chegada do actual equipo de Goberno, así como a súa execución. Un total de 118.000 novos metros cadrados de solo industrial nos Acivros foron urbanizados polo ente provincial a través do SUPLUSA (Sociedade Urbanística Provincial), cun investimento de preto de 3 millóns de euros. Actualmente, esta ampliación conta con 48 parcelas, cun total de 88.000 metros cadrados. Asimesmo, e como medida de estímulo para a instalación de empresas, a Deputación Provincial rebaixou o prezo do solo a 33 euros o metro cadrado de media, un 67% máis barato que nos polígonos xestionados pola Xunta.

HIJOS DE RIVERA APOSTA POLA SOLIDEZ DA EMPRESA EN CHANTADA

Durante a visita ás instalacións de Custom Drinks en Chantada, o conselleiro da corporación Hijos de Rivera e administrador único de Custom Drinks, José María Rivera Trallero, amosouse satisfeito coa adquisición destes 17.000 metros cadrados no polígono dos Acivros, “o que proporciona á nosa filial a solidez necesaria para afrontar o futuro con confianza e valorar novos proxectos na zona”. Rivera Trallero aproveitou a ocasión para expresar “o compromiso da empresa coa continuidade e a xeración de riqueza no entorno de Chantada”. Custom Drinks é unha compañía pertencente á Corporación Hijos de Rivera, e que conta cunha ampla variedade de produtos “premium” no seu catálogo, sendo ademais capaz de ofrecer ós seus clientes o concepto “Made to Order”, adaptándose para poder fabricar calquera bebida en calquera formato. Na actualidade, a planta instalada en Chantada é a única compañía sidreira en Galicia e unha das poucas en España que aposta pola agricultura ecolóxica na elaboración dos seus produtos. Este aspecto compleméntase co seu labor de laboratorio I+D+i e plataforma de innovación, que foi capaz de adaptar as últimas tendencias en formatos e produtos a procesos produtivos e tecnolóxicos.

MANUEL VARELA ESIXIU Ó GOBERNO CENTRAL A EXECUCIÓN DA A-56, “IMPRESCINDIBLE PARA O DESENVOLVEMENTO DO SUR DE LUGO”

Asimesmo, o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, amosou a súa satisfacción porque “unha empresa, nestes momentos tan complicados, non só manteña os postos de traballo, senón que os incremente”. O rexedor local aproveitou a visita ás instalacións desta empresa nos Acivros para esixir ó Goberno central a execución a autovía A-56 entre Lugo e Ourense, “xa que é unha infraestrutura imprescindible para impulsar o desenvolvemento socioeconómico de Chantada e, tamén, de todo o sur de Lugo”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte acolleu a fase final do Campionato Galego de Voleibol Infantil na categoría feminina

Seguinte Nova

O taekwondo bate con forza en Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio