•Esta liña de subvencións, dotada con preto de 500.000 euros, está destinada a autónomos e pequenas empresas de aloxamento turístico rural • O obxectivo das axudas é mellorar a produtividade e a comercialización de servizos nestes establecementos •Máis de 180 empresas galegas beneficiaranse destas axudas que convoca o Ministerio e que en Galicia xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia •O prazo de solicitude remata o 29 de xullo
O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, en colaboración coa Xunta de Galicia, veñen de convocar as axudas correspondentes á segunda fase do programa “Aloxamentos Conectados”, unha iniciativa que trata de favorecer a implantación de solucións tecnolóxicas en hoteis e aloxamentos de turismo rural. O obxectivo destas subvencións, que contan cun orzamento en Galicia de 529.494 euros, teñen como obxectivo mellorar a produtividade e a comercialización de servizos deste tipo de establecementos.
BENEFICIARIOS DESTAS AXUDAS
Según explicaron os responsables desta iniciativa, serán máis de 180 os establecementos que se beneficiarán das axudas deste programa, impulsado por Red.es e a Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), e cofinanciado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e co apoio da Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT). Os destinatarios destas axudas serán hoteis e aloxamentos rurais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia. As persoas xurídicas solicitantes poderán ser autónomos ou pequenas empresas cun máximo de 49 empregados e un volume anual de negocio de ata 10 millóns de euros. A convocatoria esixe, entre outros requisito s técnicos, que o establecemento debe dispoñer de conexión a Internet de banda ancha.
XESTIÓN, PROMOCIÓN E OPTIMIZACIÓN DOS RECURSOS ON LINE PARA O TURISMO RURAL
Os establecementos adscritos ao programa poderán optar a un máximo de dous paquetes de solucións tecnolóxicas, dos tres que se ofertan. Cada paquete está valorado en 2.400 euros e ofértanse un total de 182 para toda Galicia. O primeiro paquete está enfocado á Xestión da Propiedade (PMS), para xestión de reservas, tarifas, entradas e saídas, facturación, aloxamento, elaboración de informes, envío de mensaxes a clientes por email e integración con portais de reservas. Este paquete inclúe ademais a instalación de equipamento, como ordenador portátil, impresora multifunción, lector de DNI e o software necesario.
O segundo paquete está orientado á asesoría e mellora da web, e inclúe a realización dunha reportaxe fotográfica e un vídeo profesional, a inserción do material audiovisual na web do establecemento e noutras de terceiros, e servizos de auditoría web para avaliar distintos aspectos como a accesibilidade, navegabilidade, usabilidade, seguridade, posicionamento, calidade de contidos e estrutura da información.
O terceiro paquete céntrase na Mercadotecnia Online, coa realización dun plan de mercadotecnia, con posicionamento SEO/SEM, xestión de reputación online, email mercadotecnia, envío de newsletter, xeolocalización e uso de redes sociais. Este paquete tamén incorpora un plan de mellora da xestión de clientes e a adecuación dos sistemas á Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) e á Lei de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico (LSSICE).
Os establecementos poden solicitar as axudas ata o 29 de xullo, a través da sede electrónica de Red.es (https://sede.red.gob.es/).