O ano 2014 arrinca na nosa provincia cun repunte do paro no último mes do ano saínte, e cun declive das cifras poboacionais que parece ser unha constante dende o 2011. Con estes datos contextuais, a Deputación de Lugo ven de presentar a súa folla de ruta para o ano que comeza, e na que os piares fundamentais de actuación están centrados, precisamente, en combatir estas dúas ameazas para o futuro da nosa provincia.
O ANO 2013 REMATOU CON 5.867 PERSOAS EN SITUACIÓN DE DESEMPREGO NO SUR DE LUGO
As cifras do paro ensombreceron o final de ano, que rematou con 27.615 parados en toda a provincia, que no sur de Lugo se traduciron en 5.867 desempregados. Por comarcas, Terra de Lemos rexistrou 2.630 persoas en paro, o que supón un incremento do 0,76% respecto ó mes anterior. A comarca de Sarria contaba en decembro con 1.826 parados, o que implica un repunte do paro nun 2,87% dende novembro. Na comarca de Chantada, os desempregados rexistrados nas oficinas do Servizo Galego de Colocación foron 957 en decembro, única comarca na que o paro descendeu, neste caso un 1,2% respecto a novembro. A comarca de Quiroga foi a de maior subida procentual do desemprego, con 454 parados en decembro, o que supón un aumento do 7,07% dende o mes anterior. Neste sentido, dende o sindicato UGT-Lemos Valdeorras denunciaron “o drama” que están a vivir as familias dos 2.400 parados que nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga xa non cobran ningún tipo de prestación. A nivel provincial, o voceiro socialista na Deputación de Lugo, Manuel Martínez, denunciou “a discriminación da Xunta con Lugo”, a provincia de Galicia onde máis aumentou o paro en termos relativos no mes de decembro, rexistrando un repunte dun 0,64%, o que supón 175 novos desempregados. «Dende que Feijóo está na Xunta, Lugo conta con 7.744 desempregados máis», criticou Martínez, quen manifestou o compromiso da Deputación de Lugo de «ser máis perseverantes aínda» na aposta pola creación de emprego, «a nosa máxima prioridade».
CONTINUIDADE DOS PROGRAMAS PARA XERAR EMPREGO
Con esta finalidade, o organismo provincial vai destinar este ano 13 millóns de euros para a creación de emprego, dos que 3,5 millóns corresponden ó II Pacto polo Emprego, cofinanciado nun 80% pola Unión Europea e que xa comeza este mes, co que se beneficiará a 1.000 lucenses desempregados con formación en profesións de futuro e práticas remuneradas. Este ano tamén porase en marcha o plan da Escola de Organización Industrial, dotado con 3 millóns de euros, que dará emprego a preto de 100 persoas para convertelos en especialistas en innovación para poder asesorar a 300 pemes e autónomos lucenses. Ademais, a Deputación de Lugo segue a apoiar ós Concellos, xa que este ano vai impulsar outro plan de emprego para todos os municipios, ó que destinará 5 millóns de euros, e dará continuidade ó plan específico para Concellos de menos de 5.000 habitantes, que poderán contratar a 80 desempregados. No eido formativo, a mocidade lucenses poderá beneficiarse, un ano máis, das 70 bolsas Leonardo da Vinci para mellorar a súa formación e experiencia en empresas europeas, e, por outra banda, 900 lucenses recibirán formación nos sectores agropecuario e forestal para a creación e renovación de empresas. Según precisou Manuel Martínez, todas estas actuacións do organismo provincial supoñen un 90% máis de investimento en emprego «fronte o recorte en 238 millóns de euros da Xunta dende a chegada de Feijóo, que fixo que Galicia fora unha das tres únicas Comunidades de España nas que aumentou o paro en decembro».
O SUR DE LUGO PERDEU NUN ANO 1.077 HABITANTES
A sangría demográfica da zona sur de Lugo amosa unhas cifras incuestionables: todos os concellos do sur lucense perderon poboación durante o último ano rexistrado. Según os datos do Instituto Nacional de Estadística, no conxunto das comarcas de Terra de Lemos, Sarria, Chantada e Quiroga perdéronse 1.077 habitantes entre xaneiro de 2012 e xaneiro de 2013. Os datos do padrón municipal nestas datas falaban de 77.332 habitantes a comezos do 2012 para as catro comarcas do sur, que se quedaban en 76.255 habitantes a 1 de xaneiro de 2013. Por comarcas, a maior sangría localízase na Terra de Lemos, que mingua en 480 habitantes (32.333 habitantes no último padrón). A comarca sarriana baixou en 256, quedando en 23.917 habitantes. Pola súa banda, a comarca chantadina diminuiu en 249 persoas empadroadas, con 14.287 habitantes. A comarca quiroguesa descendeu en 92 persoas, cun cifra final de 5.721 habitantes. Por concellos, a baixada máis destacada protagonízase en Monforte, que perdeu no último ano rexistrado 178 habitantes, quedando en 19.426 a xaneiro de 2013. Chantada perdeu 134, cunha cifra final de 8.649 habitantes. A terceira baixada importante sitúase en O Saviñao, cunha perda de 112 habitantes, que fai descender a súa poboación ata os 4.202. Outros descensos destacados nos números poboacionais son os de Pantón, que queda en 2.772 habitantes tras perder 88, ou Carballedo, con 2.465 habitantes definitivos e unha baixada de 70 persoas rexistradas. A Pobra do Brollón mingua en 74 habitantes, ata quedar nos 1.897, e Samos perde 54, quedando en 1.502 habitantes. Sarria destaca pola súa escasa baixada, con 36 habitantes menos no último ano rexistrado, e cunha cifra poboacional de 13.488. A capital da comarca quiroguesa perde 43 habitantes, co que o municipio de Quiroga queda con 3.552 habitantes. Pola súa banda, Sober foi o municipio co descenso máis reducido, ó perder 9 habitantes, cun cómputo final de 2.469 habitantes.
RESIDENCIAS E CENTROS DE DÍA PARA CREAR EMPREGO, BENESTAR E FREAR A SANGRÍA DEMOGRÁFICA
Diante desta situación, dende a Deputación de Lugo concretaron como segundo gran desafío para 2014 combatir esta sangría demográfica, con medidas que potencien o benestar social. Neste sentido, o organismo provincial anunciou que este ano rematará as obras das residencias e centros de día públicos de A Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Pol, e iniciará as de Navia de Suarna e Ribas do Sil. Según os responsables provinciais, a posta en marcha destas unidades de atención social suporán a creación de 140 empregos directos, e de 300 prazas residencias e diurnas para os nosos maiores, o que repercutirá non só na dinamización da economía local, senón tamén no benestar dos maiores, que non terán que abandoar o seu municipio ó contar con instalacións sociais preto dos seus fogares.
PULO Ó SECTOR PRIMARIO, Á EDUCACIÓN DE CALIDADE E Á PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Dentro da folla de ruta da Deputación de Lugo para este está incluída a aposta polo sector primario como un dos eixos da reactivación económica da nosa provincia. Manuel Martínez explicou que o organismo provincial porá en marcha nestes meses as derradeiras obras do primeiro centro público en España de recría de gando vacún, dando emprego en Lugo a 200 persoas. Con esta iniciativa, o organismo provincial pretende crear 3.000 novas prazas, duplicando a capacidade de recría existente en Galicia, co que tamén se aforran cartos ós gandeiros e se dinamiza a economía provincial, cun volume de negocio estimado de 3 millóns de euros para un total de 1.500 reses ó ano. En canto á educación, a aposta deste ano da Deputación lucense materializarase co remate das instalacións da nova sede da UNED en Lugo, que situará na capital provincial o centro referencial da UNED no noroeste de España, «destacando entre as restantes sedes de Galicia, Asturias e Castela León», explicou o voceiro provincial socialista. Dentro da folla de ruta da Deputación de Lugo está incluída unha medida novedosa, sen precedentes nos organismos provinciais de España. A Deputación lucense vai comezar cos encontros con colectivos da nosa provincia para elaborar durante este ano os primeiros Orzamentos participativos dunha Deputación en España. O obxectivo desta medida, según precisou Manuel Martínez, voceiro provincial socialista, é «avanzar no proceso de modernización, transparencia e racionalidade desta institución, iniciado hai seis anos».
MEDIDAS DE APOIO E COOPERACIÓN COS CONCELLOS
Durante o 2014, a Deputación de Lugo manterá a “máxima cooperación” cos Concellos lucenses en diversos aspectos. Por unha banda, o organismo provincial seguirá a ofrecer de xeito gratuíto asistencia xurídica, urbanística, económica e de recursos humanos, entre outras áreas, ás entidades locais. Asimesmo, proseguirá co fomento do goberno aberto coa aposta pola administración electrónica. En canto ás infraestraturas a nivel municipal ou que afecten a pequenos grupos de poboación, o organismo provincial destinará este ano unha dotación de 7,5 millóns de euros ó Plan de Obras e Servizos, ou ó plan de infraestruturas de interés veciñal, entre outros. No eido económico, a Deputación de Lugo seguirá axudando ós municipios a gañar liquidez co Sistema de Recadación Provincial, e continuará a impulsar diversos programas para favorecer o aforro de gastos corrientes ás arcas municipais, en partidas tan importantes como a factura da luz, un aspecto no que os Concellos levan xa tempo concentrando a súa atención, polo volume do gasto que supón en cifras anuais para as fráxiles economías locais e que este ano, diante do anuncio, por parte do Goberno central, da suba do prezo da electricidade, dificultará aínda máis a posibilidade de que os Concellos cadren as contas nesta partida.
A FACTURA DA LUZ, O GRAN CREBACABEZAS DOS PEQUENOS CONCELLOS
As cifras do gasto eléctrico nos concellos do sur de Lugo son variables según a extensión territorial e a dispersión poboacional de cada municipio. Mentres que Bóveda rexistra un gasto de entre 55.000 e 60.000 euros anuais en electricidade, Ribas do Sil amosa un gasto en torno ós 43.000 euros. Para tratar de reducir estes números, en Bóveda optaron pola substitución de 200 luminarias o pasado ano, cunha subvención do Inega. Con este mesmo fin, en Ribas do Sil tomaron a “difícil e moi meditada” decisión, en palabras do tenente de alcalde, Roberto Castro, de levar a cabo un apagado selectivo do alumeado público, medida que foi todo un éxito ó conseguir reducir o importe da factura da luz en case 1.000 euros ó mes durante 2012. Ademais desta medida, en Ribas de Sil puxeron en marcha o ano pasado un completo programa de accións, destinado á substitución de luminarias por outras máis eficientes, a instalación de paneis fotovoltaicos e a posta en marcha dun novo tanque para o suministro de auga que reduce notablemente o consumo eléctrico do bombeo. Tamén optaron pola eficiencia no alumeado público en Monforte de Lemos, onde o Concello ten un gasto anual en electricidade en torno ós 480.000 euros. Gracias ó apagado selectivo de luminarias públicas e a substitución de lámpadas por outras de menor potencia lumínica, o Concello de Monforte conseguiu un aforro de 58.000 euros nos primeiros nove meses do ano pasado. As medidas de aforro tamén están a ser aplicadas en Sober, concello que ronda os 200.000 euros de gasto anual en electricidade polos seus 4.000 puntos de luz, o bombeo do suministro da auga, o consumo nos edificios públicos e os máis de 200 suministros situados en parroquias. Precisamente neste mes completouse a renovación integral do alumeado público en 13 lugares do rural de Sober, onde se realizou a unificación de alumeados dando de baixa oito cadros, e se instalaron luminarias de aloxenuro, que supoñen “un moi importante aforro e mellor luminosidade”, según explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. Dada a necesidade dos Concellos de baixar os gastos correntes en luz, a revisión das facturas foi unha labor constante no control do gasto nos municipios. Os importantes e frecuentes erros na facturación da luz por parte das compañías subministradoras xa foran denunciado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a comezos do ano pasado, erros que xeran “problemas de tesourería” nos Concellos, según explicaba no seu día Alfonso Villares, vicepresidente executivo da Fegamp. De aí que a revisión das facturas da luz continúe a ser este ano un dos servizos que a Axencia Provincial de Enerxía da Deputación de Lugo ofrece ós municipios que de xeito voluntario se adheriron, o pasado ano, ó Plan de Aforro enerxético do organismo provincial, e que abría a posibilidade de reducir o gasto anual en luz nun 20%. Xunto ás auditorías eléctricas realizadas en 37 concellos, este Plan aportou material eficiente a 13 municipios, que xa aforran 160.000 euros en luz cada ano. A importancia destas medidas foi destacada polo deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, trala recente suba da luz “imposta polo Goberno central”, e que suporá un incremento do gasto en electricidade de 4.600 euros anuais por Concello, que no total da provincia ascenderá a 308.000 euros ó ano.
GUÍA VERDE DO AFORRO ELÉCTRICO PARA PARTICULARES E EMPRESAS
Xa que a suba do prezo da luz afectará tamén ós 135.891 fogares da provincia de Lugo, Santos Ramos anunciou medidas provinciais para paliar esta “noticia terrible para a economía familiar, porque este aumento suporá que os lucenses paguen ó ano 89 millóns de euros pola luz, que son 2 millóns máis que o ano pasado”. Esta cifra podería chegar a ser de 10 millóns de euros máis no caso de que a luz suba un 11,5%, “como tiña previsto o Goberno central”. Neste sentido, Santos Ramos anunciou que a Deputación vai presentar en breve unha Guía Verde para veciños, empresas e entidades, na que explica como aforrar na facturación eléctrica con consellos e asesoramento técnico.•