Artesanía lucense «en vivo» para visitantes e veciñanza os sábados do mes de agosto

• O claustro do Centro do Viño de Monforte volverá ser o escenario para as sesións en directo do traballo de doce artesáns lucenses, que amosarán ós visitantes o seu bo facer na segunda edición dos Sábados Artesáns. Esta singular cita, que se celebrará todos os sábados do mes de agosto dende as once da mañá ata as dúas da tarde, repite este ano dado o éxito da anterior edición. O evento está organizado polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Monforte e a Asociación de Artesáns Terra de Lemos.
CESTARÍA, TÉXTIL, COIRO, CERÁMICA E TALLA DE MADEIRA
O calendario dos Sábados Artesáns iniciarase o vindeiro 2 de agosto, nunha sesión adicada ó téxtil, e na que traballarán en directo catro artesás lucenses. Dolores López Vázquez amosará o seu labor en pintura sobre tea, e Pilar Rodríguez Gonda dará a coñecer as posibilidades creativas do traballo con la. Ademais, Susana Ares Rosende realizará bordado creativo, e Mª José Vila González palillará á vista dos visitantes.
O sábado 9 de agosto centrarase na talla en madeira, coa participación dos artesáns Mónica Rodríguez Vázquez e José Luis García Moreira. Para o sábado 16 está reservada a cita coa cerámica, onde Amparo Scrich desvelará o potencial creativo desta especialidade, e Otilia Arias estará ó torno coa ancestral cerámica de Gundivós.
A cestaría será a protagonista da sesión do sábado 23. Da man de Lola Tourón e María Otero, os visitantes sorprenderanse coas novas e espectaculares posibilidades que ofrece esta arte no eido creativo, rompendo os moldes que a vinculaban á produción meramente utilitaria de cestas e obxectos domésticos. Finalmente, a segunda edición dos Sábados Artesáns rematará o día 30, coas demostracións do traballo en coiro de Fernando Peña Novo e José Ramón Lleó.
Este ano, os Sábados Artesáns engaden o traballo de creadores de fóra da comarca de Lemos, para que a mostra sexa representativa da artesanía lucense. En canto ó escenario das sesións, a concelleira de Cultura, Pilar López, destacou que o claustro do Centro do Viño recrea perfectamente o espíritu da Ribeira Sacra, polo que pode actuar como espazo de inspiración para os creadores. Ademais, os exitosos Sábados Artesáns de Monforte servirán de modelo para o evento que vai organizar en breve a Deputación na Terra Chá, según apuntou a deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín.•