Insatisfacción xeral polos investimentos estatais para o vindeiro ano na nosa provincia

Sindicatos e formacións políticas lucenses reclaman máis investimentos para Lugo nos Presupostos Xerais do Estado 2015

As partidas que os Presupostos Xerais do Estado 2015 destinan á nosa provincia están a levantar críticas das formacións políticas e sindicais, que demandan unha reactivación dos grandes proxectos de infraestruturas en todo o territorio lucense. Arquivo EC.
As partidas que os Presupostos Xerais do Estado 2015 destinan á nosa provincia están a levantar críticas das formacións políticas e sindicais, que demandan unha reactivación dos grandes proxectos de infraestruturas en todo o territorio lucense. Arquivo EC.

• A comezos de outubro, o Goberno central presentou no Congreso os Presupostos Xerais do Estado para 2015, que destinan á provincia de Lugo un total de 109.729.750 euros en investimentos. As partidas principais en infraestruturas inclúen tres actuacións básicas, que son o AVE lucense, e as autovías A-56 e A-76. A liña de alta velocidade en Lugo recibe un total de 6.291.440 euros, 1.042.920 euros menos que no exercicio pasado. Desta achega, 6.000.000 euros corresponden á variante de A Pobra de San Xiao, 20.000 euros ós estudos do trazado Lugo-A Coruña, 239.440 á liña Lugo-Ourense, e 32.000 ós estudos do trazado Ponferrada-Monforte.
Pola súa banda, a autovía A-54 Lugo-Santiago conta cunha partida de 75.193.530 euros, que supoñen unha diminución de 17.427.360 euros respecto dos Presupostos do ano pasado. En cambio, a A-56 Lugo-Ourense dispón de 5.210.000 euros, 3.888.000 euros máis que no exercicio pasado. Tamén se incrementa a dotación para a A-76 Ponferrada-Ourense-Monforte, con 363.670 euros, fronte ós 100.000 destinados en 2014.
Destaca tamén a partida destinada á conservación de estradas, con 8.782.970, aínda que baixa respecto ós Presupostos de 2014, que incluían un total de 9.204.740 euros para este concepto. En canto ás actuacións de seguridade vial, o Estado investirá o vindeiro ano 3.593.790 euros na provincia de Lugo, unha cifra inferior ós 5.308.760 euros do exercicio pasado. Ademais, os Presupostos inclúen partidas para o mantemento de regadíos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, por importe de 110.000 euros, e para intervención no Camiño Francés nos municipios de Paradela, Pedrafita, Portomarín, Samos e Triacastela, por importe de 600.000 euros.

UGT-LEMOS CONSIDERA “DISCRIMINATORIOS” OS PRESUPOSTOS DO ESTADO PARA A COMARCA DE LEMOS
Dado que a cifra total destinada ós investimentos na provincia de Lugo supón arredor de 38 millóns menos que o ano pasado, cando os Presupostos estatais incluían para Lugo partidas que sumaban os 147.811.270 euros, as contas do Goberno central están a levantar voces críticas dos diferentes axentes políticos e sociais da nosa provincia.
Así, dende o sindicato UGT-Lemos cualifican de “pírricos e discriminatorios” os Presupostos Xerais do Estado 2015 para Monforte e a comarca de Lemos. O vicesecretario xeral desta formación, Mario Docasar, denuncia o “gran desinterés” que amosan estas contas públicas pola A-76 e a nova ponte, e considera que o sur de Lugo queda “discriminado en infraestruturas”, en referencia ós “pírricos 5.000 euros para a autovía a Chantada”. No social, dende UGT-Lemos critican estes Presupostos por ser “nefastos para os pensionistas, xa que a subida que inclúen non chega para un café”. Ante esta perspectiva, Docasar emplaza “ós políticos do PP de Monforte a que fagan valer as súas influencias e realicen enmendas que impidan que a comarca quede discriminada”.

OS SOCIALISTAS PROVINCIAIS CONSIDERAN ESTES PRESUPOSTOS COMO UN “NOVO CASTIGO DO GOBERNO CENTRAL AOS LUCENSES”
O voceiro socialista na Deputación de Lugo, Manuel Martínez, cualificou como un “novo castigo do Goberno central aos lucenses” o recorte “en preto de 53 millóns” no orzamento do Estado para Lugo en 2015. “Os lucenses perderon máis de 400 millóns de euros de fondos estais dende que o PP está no Goberno central”, apuntou Martínez, que contrapuxo esta situación cos datos referidos ó periodo 2008-2011. “Cun goberno socialista, a provincia recibía unha media de 258 millóns de euros anuais do Estado, pero o Partido Popular recortou estes fondos en máis de 100 millóns de euros ao ano”.

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE SERÁN 14.000 OS PARADOS LUCENSES QUE DEIXEN DE RECIBIR PRESTACIÓN EN 2015 POLOS RECORTES
Martínez enfatizou os recortes no eido social, criticando que o Goberno central “recorte en 30 millóns de euros a partida para protexer aos desempregados da provincia de Lugo”. Según o voceiro provincial socialista, “o PP conseguirá así que máis de 2.000 parados lucenses deixen de recibir prestación económica alguna o vindeiro ano, elevando a 14.000 os parados lucenses que non a reciben”.
En canto ás pensións, Manuel Martínez lembrou que os xubilados lucenses xa están a percibir a pensión máis baixa de España, con 650 euros de media, e denunciou que os case 120.000 pensionistas da nosa provincia só recibirán a subida mínima fixada, que corresponde ó 0,25%, “que nin tan siquera son dous euros ao mes”. Asimesmo, Martínez denunciou que a partida para a dependencia “continúa no conxelador, logo do desmantelamento da lei que fixo o PP”.
Según o voceiro provincial socialista, a educación tamén se resinte coas contas presentadas polo Goberno central, que implica un recorte de ata 300 euros por beca.
En canto ó sector agrogandeiro, “o sector piar da economía lucense”, Manuel Martínez criticou o recorte de 8 millóns de euros que o Goberno central aplicará respecto do exercicio pasado.
As infraestruturas seguen a liña xeral de frenazo, xa que “Lugo volta a quedar sen AVE, sen a estación intermodal, sen a autovía a Ourense, sen a autovía entre Monforte e Chantada ou sen o corredor de Barreiros a San Cibrao”. Según Martínez, o orzamento do Estado para 2015 é un “novo castigo do Partido Popular aos lucenses, unha nova mostra da discriminación que sofre a provincia cos Gobernos do PP, e da nula influencia de Feijóo e Barreiro no Executivo estatal”.

JOSÉ TOMÉ, VOCEIRO SOCIALISTA EN MONFORTE: «O PP BORRA A MONFORTE DOS PRESUPOSTOS DO ESTADO»
O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Monforte, José Tomé, pronunciouse sobre os Presupostos Xerais do Estado para 2015, lembrando que «practicamente todas as obras do Estado pendentes en Monforte foron deseñadas e postas en marcha por Gobernos socialistas», en referencia á variante ferroviaria de Monforte, as autovías A-76 e A-72, a nova ponte sobre o Cabe entre Aceña Nova e Cobas, a ronda urbana e a nova comisaría de Policía. Tomé criticou que os Presupostos só recollen nalgúns casos «partidas ridículas que non son operativas», e lamentou que «sendo conscientes das dificultades económicas, o PP non priorizara alomenos unha das actuacións» pendentes en Monforte e na súa comarca.

O BNG DENUNCIA QUE OS PRESUPOSTOS DO ESTADO NON INCLÚEN «NINGÚN PROXECTO NOVO PARA A PROVINCIA NIN PERMITEN IMPULSAR INFRAESTRUTURAS ATRASADAS»
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, cualificou de «claramente insuficientes» as partidas destinadas á provincia de Lugo, que non inclúen “ningún proxecto novo para a provincia de Lugo nin permitirán impulsar infraestruturas retrasadas dende hai anos”. Veiga apuntou que “nin sequera inclúen unha partida para mellorar a seguridade no tramo da A-8 de Mondoñedo”, unha necesidade «evidente logo do accidente producido este verán.
Do total orzamentado para Galicia, 1.319,5 millóns de euros, a provincia de Lugo leva menos do 10%, detallou o vicepresidente da Deputación, que chamou a atención sobre “o desprazamento dos investimentos do Estado, unha vez máis, cara o Eixo Atlántico galego”. «Só o previsto para a AP-9, cos 70 millóns da ampliación de Rande e os 42 millóns da circunvalación de Santiago, suma tanto como todo o que vai investir o Estado na provincia de Lugo», criticou o mandatario nacionalista.
Antonio Veiga explicou que os Presupostos do Estado para 2015 non recollen “ningún proxecto novo para a provincia de Lugo, nin AVE, nin A-56, nin A-76, nin A-82”. Todas estas infraestruturas, “que levan anos agardando”, contan con “partidas testemuñais e ridículas que non posibilitarán o comezo das obras o vindeiro ano”, indicou o vicepresidente provincial. En relación ao ferrocarril, Antonio Veiga precisou que “non está prevista a chegada da Alta Velocidade Ferroviaria á provincia de Lugo a medio prazo, só hai as mesmas partidas para estudos que había en anos anteriores pero non se programa orzamento ningún a partir de 2016 nin para a liña Lugo-Ourense, nin para a liña A Coruña-Lugo, nin para a liña Monforte-Ponferrada”. Veiga foi especialmente crítico coa a partida destinada a supresión de pasos a nivel, que pasa de 6,2 millóns a 0 en 2015. “No que vai de ano morreron xa dúas persoas atropeladas polo tren na provincia de Lugo, unha en Monforte e outra na Pobra de San Xiao, sen embargo para o Goberno do Estado non hai ningún paso a nivel que suprimir na provincia de Lugo”, criticou o vicepresidente provincial. Asimesmo, denunciou que se repiten “ano tras ano” partidas que logo non se executan, como por exemplo para a autovía A-82 Barreiros-San Cibrao na Mariña, a A-76 Ponferrada-Monforte ou a A-56 Lugo-Ourense. “Levamos cos mesmos 10.000 euros para estudos unha década”, criticou Veiga.
RAMÓN VÁZQUEZ (AGE): «OS PRESUPOSTOS DO ESTADO SON UN NOVO ATAQUE ÓS TRABALLADORES»
Segundo Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o Estado reserva para Lugo «un novo ataque ás condicións de vida dos traballadores». “Estas contas impiden albiscar a saída para unha crise brutal”, denuncia o deputado Ramón Vázquez, “nin a posibilidade dunha vida digna para a cidadanía de Lugo, onde case a metade da poboación sofre carencias materiais severas”.
Vázquez criticou que o gasto previsto polo Estado para o ano 2015 na provincia de Lugo relegan o gasto social e céntranse nas autovías a Compostela e mais a Ourense. “O Goberno de Rajoy, co asentimento de Feijóo, prioriza as grandes infraestruturas sen planificación territorial ningunha”, engadiu. Ramón Vázquez fixo referencia ás partidas destinadas a prestacións por desemprego ou a política de vivenda, que baixan un 15% e un 26%, respectivamente. “E isto acontece cando na provincia hai máis de 22.000 desempregadas e desempregados e milleiros de cidadáns e cidadás que non poden acceder a unha vivenda”, apuntou o líder lucense de AGE e deputado no Parlamento de Galicia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Cheo total nos Trens Turísticos das rutas pola Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Sober celebrará unha homenaxe institucional polas vítimas do franquismo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

O prezo do leite

• Agromuralla e UCGAL monitorizarán os prezos do leite desde as granxas ate os puntos de

A %d blogueros les gusta esto: